Elemental e próximo

La Voz

BARBANZA

25 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1976, con 22 anos, Álvaro de la Vega vai a Barcelona a estudar Belas Artes. A súa paixón é a pintura e séntese moi atraído pola fotografía, o cómic e o grafite. 

En 1990 volve a Galicia e, por razóns profesionais (profesor de Plástica en Mazaricos), instálase en Corcubión. Toma o ensino da experiencia artística como un contrapunto da súa actividade creativa («desintoxícanse mutuamente», di), e comeza a súa etapa escultórica (animais, figuras humanas, acumulacións, suspensións, retablos), como unha «forma de darlle sentido á vida» pois «acomódase máis á miña forma de ser que a pintura». 

Inicialmente traballa a madeira (usa a pintura para potenciar o valor expresivo), pero posteriormente, mentres consolida a súa propia linguaxe, explora outros materiais, case sempre relacionados coa natureza e as profesións tradicionais: ferro, cerámica ou pedra. É unha etapa de intensa actividade expositiva, que hoxe mantén desde o taller de Rianxo, con presenza en importantes galerías e institucións, nacionais e internacionais, e forma parte de destacadas coleccións públicas e privadas, desde o Domus da Coruña ata o Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona. Non considera incompatibles arte e rendemento económico. «A miseria, agás como tema, non aporta nada á arte».

Atoparse consigo mesmo

De todos os xeitos, o que máis valora da actividade artística é que lle permite ter moitas horas para atoparse consigo mesmo no silencio do taller. É un dos escultores galegos de referencia, sobre todo porque non deixa de experimentar e de ampliar a súa linguaxe escultórica, con recursos como cables, cerramentos ou soportes. A madeira é o seu material preferido. O ser vivo (a figura humana, sobre todo), o tema. O primitivo, o talante. A sinxeleza honesta, o método. E, situando todo, a expresividade: «No meu estilo é vertebral. É unha transmisión case de osmose entre ti e a materia que fai a experiencia túa e intransferible».