O corazón de Fufú

BARBANZA

02 sep 2015 . Actualizado a las 12:01 h.

Prezado Paco, amigo Fufú: O domingo espertounos o aviso de que o teu corazón decidira descansar. Non sei canto tempo pasou ata que fun consciente da túa perda, de que xa non volvería rir contigo, a compartir as mesas que enchías de historias e de bromas, a parar no Freixo sen que te ti apareceses, como se houbese alguén que che avisara de que andabamos por alí.

Aínda teño fresca a última vez que estivemos xuntos, con todos os amigos, no teu galpón: como che fixen sufrir pola perda do meu reloxo, como me insistías en que non me preocupase que se me caera no Freixo ía aparecer, porque nada podía ocorrer no Freixo sen ti sabelo, nin sequera a perda dun reloxo. Decatácheste do importante que era para min e insististes en que non me preocupase, que ía aparecer... e apareceu onde eu o deixara para lavar as mans do aceite da lata de zamburiñas despois de enzoufar con ela ao noso amigo Juancho e a min mesmo. Que abrazo de ledicia me destes cando din con el. Como te implicastes, como che doía que non o atopase.

A ti se che ocorreu, prezado Fufú, esgotar o corazón entregándote aos demais. Hoxe síntome responsable en parte de contribuír a ese desgaste, aínda que só fose polo reloxo, ou pola preocupación que tiñas porque todo saíra ben nos teus convites. Eu non tiña dereito a erosionar nin a máis mínima partícula da túa grandeza. Outra xente precisaba máis da túa entrega, como esas familias necesitadas ás que conseguiches facerlle unhas vivendas dignas, como os  teus dous fillos e a túa dona que o luns partiron o meu corazón ao velos chorar por ti, ao escoitalos chamarche e dicirche canto che queren.

Paquiño, garántoche que ti non vas morrer nunca, porque repartiches o teu corazón entre todos e xa formas parte de nós, dos teus amigos, da túa familia, dos teus veciños do Freixo e de tanta e tanta xente que che acompañou na túa última viaxe pola parroquia á que te entregastes en corpo e alma.

Ata sempre amigo Fufú. A vida non vai ser igual sen ti, porque sempre que morre un home bo o tránsito ata o ocaso faise máis triste. Onde esteas, oxalá que teñas tanto cariño como o que deixastes aquí, que continúes enchendo de simpatía cada instante. Botaremos de menos a túa presenza, pero non a túa memoria, que queda con nós.