«O 90% dos palmeirenses pasan por esta asociación»

María Piñeiro / F. B.

BARBANZA

Pérez ante a insignia que da fe do ano no que se fundou a comunidade que agora preside<span lang= es-es >. </span>
Pérez ante a insignia que da fe do ano no que se fundou a comunidade que agora preside. Marcos creo< / span>

Un dos obxectivos prioritarios que busca a entidade é manter vivo o valioso legado dos emigrantes e veciños da localidade

02 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sociedade Fillos de Palmeira vai camiño de converterse nunha asociación centenaria. Creada hai 86 anos por emigrantes galegos en New Jersey, Estados Unidos, hoxe en día segue máis activa que nunca. O presidente, Emilio Pérez, destaca o seu gran valor cultural e a vinculación coa tradición da localidade.

-¿Cal foi o motivo da creación desta entidade?

-A finalidade coa que se fundou en 1929 diverxe bastante coa función que cumpre actualmente. Cando os emigrantes palmeirenses chegaron a terras norteamericanas, organizáronse co obxectivo de crear aulas para aqueles que non souberan ler nin escribir. Co paso do tempo constituíuse nun punto de encontro.

-¿Cantos fillos de Palmeira hai?

-Chegamos a ter máis de 800 socios. Agora seremos preto de 500, dos cales uns corenta viven en Estados Unidos. Hai algún que mesmo alcanza os sesenta anos de antigüidade. O 90% dos palmeirenses pasan pola asociación, xa sexan socios ou familiares dos mesmos.

-¿Que beneficios aporta formar parte da asociación?

-Os cónxuxes e fillos de socios menores de 22 anos poden beneficiarse dos cursos e talleres que se ofrecen. Abranguen actividades moi diversas, dende pintura a pilates, pasando por restauración de mobles, arte floral ou bordado. Ademais, poden asistir ás comidas e bailes que realizamos.

-¿Como manteñen o contacto cos que viven no outro lado do Atlántico?

-Dunha maneira moi fácil, a través do correo electrónico. Dende a delegación de Palmeira informámolos das reunións que facemos e das decisións que tomamos. No verán, a maioría dos socios estadounidenses regresan e celebramos a Comida do Emigrante. É a ocasión perfecta para reunirse e pasalo ben entre todos.

-¿Que novos proxectos teñen en mente?

-Seguir medrando. Recentemente pintáronse as instalacións e esperamos seguir coas renovacións. Con estes amaños pretendemos reactivar e darlle un toque fresco á sociedade. O obxectivo non é outro que aumentar a participación.

-A asociación conta cunha longa historia...

-Efectivamente, xa non só pola cantidade de anos que leva activa, senón pola súa evolución no tempo. Naceu nunha casiña pequena de 14 metros cadrados e hoxe conta con 400, ademais de posuír varios terreos á parte, coma o campo de fútbol. Non estaría nada mal elaborar un libro ao respecto. De feito, xa preguntamos a varios escritores da zona se quererían facelo.

-¿Que significa para vostede levar as rendas desta asociación?

-Non me sinto nin máis nin menos importante que o resto. O que me enche de orgullo é manter a herdanza dos antepasados. De todos xeitos, hai moita xente que me axuda. Non só colaboramos coa nosa presenza, cada un dos socios poñemos o noso gran de area. A sociedade é a casa de todos e, polo tanto, debemos coidala todos unidos.