«Só aquel que é capaz de sacrificarse chegará a ser un gran remeiro»

BARBANZA

Fernández leva dende os 18 anos como presidente do club e dende os 12 facendo remo
Fernández leva dende os 18 anos como presidente do club e dende os 12 facendo remo marcos creo< / span>

A Pobra gaña peso dentro da liga galega coa dobre xornada que se disputará este fin de semana nas augas da localidade

27 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrés Fernández mostra as instalacións do Club de Remo Puebla con ledicia e cun sorriso nos beizos. Con 47 anos cumpridos, leva dende os 18 sendo o presidente dun club do que lle é imposible desligarse. O traballo realizado nos últimos anos fixo que a bancada dese un salto de calidade, chegando á primeira división galega. Este fin de semana disputará nas augas da vila unha proba única, con tres competicións diferentes: playoff de ascenso, liga feminina e última xornada da tempada da Liga A. Todo grazas á labor altruísta dun grupo de persoas que viron nas traiñeiras a súa forma de vida.

-¿Como están sendo os últimos días antes da gran festa?

-Estamos en pleno proceso de organización. Hai traballo previo de papeis e permisos. Mañá (por hoxe) toca poñerse cos preparativos de material. Venres pola mañá comezaremos a colocar balizas. Esa tarde, e durante a mañá do sábado, tocará facer os últimos preparativos.

-¿Como nace a idea de xuntar tres competicións nun fin de semana?

-Saíunos a oportunidade de facer a final da tempada da primeira Liga na casa e non o dubidamos. Había problemas cos patrocinadores pero dende o Concello de A Pobra botáronnos unha man para facelo, sumando finalmente unha xornada da liga feminina e o playoff de ascenso.

-Demostran este fin de semana que a súa aposta por este deporte é cada vez maior ¿Onde está a forza do club?

-Todos sabemos o traballo que costa cada peza de material que temos. Ao contrario do que acontece noutros clubs, os rapaces non cobran. Tódolos premios do ano quedan para o equipo, e con ese diñeiro vanse comprando novas traiñeiras, páganse os desprazamentos. Todos saben o que costa gañar un barco, porque son eles os que fan posible que se compre. Esa é a gran forza que temos.

-¿Cal é a valoración desta tempada na primeira liga galega?

-Foi unha tempada fabulosa. Dar un paso arriba sempre é complicado, e moito máis se o equipo se fundamenta na xente da casa. Nós conseguímolo, pasamos do sexto posto do ano pasado, onde estivemos cerca do descenso, á cuarta praza desta tempada. Todo isto coa mesma xente, pero con moito traballo detrás.

-¿Cal é o modelo do éxito?

-Traballo e perseveranza. Os resultados de hoxe lévanse fraguando cinco ou seis anos. Empezamos escapando do descenso da segunda categoría galega a xogar o playoff de ascenso dous anos seguidos e terminar logrando. A nosa idea é mirar para arriba e seguir traballando.

-¿Cal é o seguinte obxectivo?

-Existe un obxectivo prioritario que é conseguir máis deportistas para as nosas categorías base. A canteira é o que vai permitir que esta bancada siga dando pasos cara adiante. Sabemos que é complicado, as traiñeiras non son un xogo sinxelo, hai que adestrar duramente, pero ao final acabas gozando delas.

-¿Que lle diría a un rapaz que está pensando en comezar?

-Se a un rapaz lle gusta facer deporte ten que probalo, porque as traiñeiras son moi aditivas. É un deporte no que se crean vínculos moi fortes cos compañeiros e onde non se permite a individualidade por enriba do colectivo, o que axuda a impulsar valores humanos. Só aquel que é capaz de sacrificarse chegará a ser un bo remeiro.

Andrés Fernández Fuentes Presidente do Club de Remo Puebla