A cidade bule entre lecer e cultura

BARBANZA

Os veciños móvense ao ritmo dun Malecón con máis acción ca nunca

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Por uns días, o Malecón está convertido no epicentro da cidade de Ribeira. Esa fiestra ao mar que xa ao longo de todo o ano xoga un papel fundamental na vida dos veciños, por ser o gran motor económico do municipio, está nestes momentos convertida nun fervedoiro que, ata o luns, marcará o ritmo de vida de residentes e turistas, sobre todo daqueles desexosos de gozar das festas principais de Santa Uxía.

A banda, as gaitas e o son das bombas tratan a diario de espallar o ambiente festivo por toda a cidade, pero o auténtico bulir está no punto no que Ribeira se fusiona co seu mar. Os postos de venda de todo tipo de artigos, desde pulseiras e camisetas ata xoguetes, pasando por patacas fritidas, churros e roscas marcan estes días o horario dos veciños.

Os máis pequenos da casa móvense sobre todo ao son das atraccións. Unha gran montaña rusa para os máis arriscados sobresae por riba dos clásicos: os demandados coches de choque, o saltamontes que nunca falla, o tren cun pallaso que monta cada tarde un espectáculo digno de ver, as camas elásticas, os inchables, os ponis... O Malecón de Ribeira é estes días un miniparque de atraccións ao que ao que acoden desde distintos puntos da comarca.

Arte con maiúsculas

Pero non todo é festa e divertimento estes días na cidade. A arte abrirase hoxe oco no apertado programa das celebracións estivais e farao por todo o alto. Alí, xa onte cobraba forma Entremares, unha exposición integrada polas obras que achegaron nada menos que trinta artistas, que foron coordinados para a ocasión pola galería O Faiado. Moitas destas sinaturas pertencen a creadores de Ribeira coma os pintores Maralla, Xoán Fernández, Mónica Ayaso, Paco Casal, Loli Regueira e Antonio Pérez ou os escultores Elia Núñez, Jontxu Argibay, Gonzalo Sarasquete e Andrés Gude Teira.

Mañá chegará a quenda da gran tradición dun pobo mariñeiro como é o ribeirense. A patroa dos pescadores, a Virxe do Carme, volverá a navegar despois da merecida homenaxe. Tradición e diversión, de novo xuntas.