«Ler un libro na zona de sombra de Barraña»

m.x.blanco

BARBANZA

Como non podía ser de outro xeito tratándose dun escritor, a recomendación estival de Riveiro Coello mestura praia, natureza e letras

11 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que recoñece que O Vilar é o seu recuncho preferido de Barbanza, polo menos a estas alturas do ano, cando o calor aperta e invita a darse un chapuzón nas augas que bañan a comarca, o escritor afincado en Boiro Antón Riveiro Coello recomenda a praia de Barraña. O motivo é que se trata dun areal apto para toda a familia, no que os nenos poden nadar sen risco e os adultos, en vez de estar obrigados a ter os ollos fixados nos seus pequenos, poden aproveitar para practicar algunha que outra afección.

Como non podía ser de outro xeito tratándose dun escritor, a recomendación estival de Riveiro Coello mestura praia, natureza e letras: «Ler un libro na zona de sombra de Barraña». Recoñece que el non é home de sol, polo que propón acudir a este areal a partir das seis da tarde, cando o gran astro xa non quenta con forza: «Eu son máis de sombra que de sol, por iso me gusta esa zona do litoral boirense, xa que conxuga as dúas opcións».

O autor non dubida á hora de propoñer incluso un libro para levar na bolsa da praia: «Recomendo o último que lin e que vai ser presentado en breve. Trátase da biografía de Faustino Rey Romero que elaborou o rianxeiro Ricardo Losada». Para aqueles que desexen entreterse estas vacacións mergullándose nunha das aventuras que asina este boirense de adopción, aí vai a suxestión: «Das miñas obras, recomendo Laura no deserto».

Liado cun novo libro

Antón Riveiro Coello fai estas propostas para gozar deste verán en Barbanza porque el é o que fará, dedicar as vacacións estivais a deixarse levar polo mundo das letras. No seu caso, ademais de ler, escribirá. Quere aproveitar as vindeiras semanas para pechar o seu novo libro. Trátase dunha obra titulada Os elefantes de Sokúrov que, se todo sae segundo o previsto, estará nas librarías o vindeiro outono.

Aqueles que queiran emular ao escritor xa saben, poden incluír na súa mochila de praia un libro ou mesmo bolígrafo e papel e deixarse embelesar pola praia de Barraña e as súas sombras.