A Festa da Xouba aspira a máis e propón tres días de actividades

BARBANZA

Unha ruta de tapas polos locais hostaleiros precederá á degustación

07 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha das grandes citas gastronómicas de Barbanza, pero a Festa da Xouba de Rianxo aspira a máis. Xa nas últimas edicións deixou de ser unha sinxela degustación para ofrecer algunha que outra actividade complementaria pero, nesta edición, a número 23, dará o salto definitivo, ampliando a tres o número de xornadas. Para dotalas de contido, a Asociación Rianxeira de Empresarios está a organizar unha ruta de tapas polos establecementos hostaleiros.

O berce de Castelao servirá este aperitivo os vindeiros días 17 e 18. Será entón cando veciños e visitantes teñan ocasión de comprobar cales son as apostas dos cociñeiros dos diferentes bares e restaurantes do municipio de cara a sacarlle o maior partido posible á xouba. No seu itinerario polos diferentes establecementos terán ocasión de puntuar as diferentes receitas, o que lles permitirá entrar no sorteo de tres vales por importe de 50 euros.

O presidente da patronal local, Alfonso Castro, que onte avanzou algúns aspectos do programa da Festa da Xouba acompañado polo rexedor local, Adolfo Muíños, animou aos negocios, tanto do casco urbano como do resto da municipio, a sumarse a esta iniciativa.

Novas receitas

Tamén co fin de dar a coñecer as mil e unha formas que existen de preparar a especies pesqueira de Rianxo por excelencia, o día 17 terá lugar un showcooking en Casa Pachín. Estará destinado tanto a hostaleiros que queiran coñecer novas receitas para engadilas ás súas cartas como ao público en xeral.

O día grande da exaltación gastronómica será, como sempre, o 25 de xullo. Aínda non está definida a lista de pratos que se van servir no Campo de Arriba de Rianxo, pero onte xa se anunciou que ás formas tradicionais de preparar o peixe, fritido e guisado, se engadirá algunha nova. Os fogóns funcionarán tanto pola mañá como pola tarde e as racións venderanse ao prezo de seis euros.

O programa da Festa da Xouba completarase con distintas actuacións musicais. Están cerrados os concertos do Perucos, para o 18; e o de Pandeiromus, para o mesmo 25.

Concurso con 200 euros en xogo

Concello de Rianxo e patronal queren este ano implicar aos veciños na Festa da Xouba. A eles vai dirixido o concurso que se desenvolverá o día 25 e que vai poñer 200 euros en xogo. O único que teñen que facer os cidadáns é demostrar as súas dotes na cociña collendo como materia prima a especie mariñeira por excelencia do municipio.

O alcalde, Adolfo Muíños, destacou que é o momento de que todo Rianxo arrime o ombreiro a prol desta gran festa: «Queremos potenciar a exaltación, pero tamén sacarnos ese mal sabor de boca que quedou despois dos atrancos que sufriu o sector do xeito e que nos obrigou a saír á rúa para defendelo». Tamén o presidente da patronal avogou pola unión de forzas.