A obra mestra da galería do Barbanza

Antón Parada / A. G.

BARBANZA

O comisario artístico ribeirense sobresae nun sector copado por profesionais de alta idade

05 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un pequeno Manuel González de 5 anos pinta só fronte a un folio no salón da súa casa. O televisor está apagado. Fóra escoita a outros meniños xogar no parque. O mesmo que está debuxando. Pola temática podería pertencer a calquera rapaz pero non é así, os colores son vivos e non concordan coa realidade, adulterada pola presenza de debuxos animados. Pero o televisor segue apagado.

Hoxe en día, Manuel González, mais coñecido como Manu Mimé é un referente no mundo do arte. Con 29 anos percorreu tres capitais como comisario de exposicións: Santiago de Compostela, Madrid e Nova York. Lonxe quedou aquel infante daltónico que destacaba pola creatividade constante e a obsesión da orde dentro da estética: «Vexo a vida como se fora un escaparate», confesa. En realidade, para forxar o talento precísase un pasado de esforzo.

Escapar dos tópicos

O artista lémbrase das tendencias do arte na Ribeira dos noventa: «Non había contacto co arte contemporáneo, era arte de salón, unha mariña por aquí, un bodegón por alá». O instituto brindoulle a oportunidade de aprender unha Historia do Arte reducida, que chegaba ás primeiras vangardas. Ningún rastro do arte pop.

A explosión produciuse en Pontevedra coa chegada a unha facultade de Belas Artes, intacta ante a fantasma futura do Plan Bolonia: «Un pensa que entra nunha especie de academia artística e ao entender que iso está obsoleto, o cerebro entra en convulsión», define así o descubrimento de novos xéneros como a performance, que o enganchou ata o punto de formar un grupo coa súa amiga, a artista Paulova.

Por aquel entón, González estreábase amosando dúas esculturas na pontevedresa Galería Sargadelos, unha sobre o rol do matriarcado da muller galega e outra baixo o nome de Cementar, cementarei, que denunciaba o feísmo urbano usando o ladrillo. Completan a serie Bilbao, Ferrol no Torrente Ballester e Ribeira, tanto no auditorio municipal como na galería O Faiado e na tenda Rei Zentolo.

«O último ano de carreira coñecín a figura do comisario, que xunto co artista están condenadas a non desaparecer» Manuel González explica a importancia desta profesión descoñecida en España, pero de relevancia en EE.?UU. ou Alemaña. O seu papel é vital á hora de organizar unha exposición e construír o discurso que o conecte coa sociedade actual. Pronto demostra a fervenza de coñecementos e a valía que lle fixo recibir unha chamada para ser comisario nunha exposición de escultores galegos en Manhattan.

A sagrada censura

Trala volta da gran mazá, propuxéronlle a que sería a súa última mostra antes dun duro parón creativo: Emporcarte, no marco da segunda Feira do Cocido en Lalín. Presentou a súa ópera magna Ara Porcis, consistente nunha representación plástica do cocho personificado como a Virxe. «Decidinme a santificar a figura do porco, pero como nunha película de Berlanga, dúas señoras escandalizáronse e chamaron ao cura», despois o clérigo acudiu ao concelleiro, este ao alcalde e o último á Deputación.

A cinco horas da inauguración, a peza foi censurada e o seu autor optou por retirala cunha pequena procesión entre os aplausos de complicidade dos asistentes. O resultado foi a venta inmediata e o encargo de 15 copias, as súas últimas producións. Como un anticipo do desastre pola ausencia da arte, chega a crise económica. «O futuro é mentira», bosquexa o mozo comisario recordando o peche de galerías

Non obstante, o proxecto emprendedor que o catapultou foi a creación dunha páxina web de exposicións online: plan9artspace.com. O seu verdadeiro mérito foi demostrar que a creatividade dun neno sempre será invencible.

manuel gonzález gómez, «manu mimé» comisario e artista

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea pola Universidade de Santiago.

Como artista expuxo en Pontevedra, Bilbao, Ferrol, Lalín e Ribeira. Foi comisario en Compostela, Madrid e Nova York.

Mentres avanza na súa páxina de exposicións, traballa como monitor de arte para persoas con discapacidade. Ademais prepara unha colaboración artística colectiva que se desenrolará en Santiago.