O gran paraíso de Sálvora segue necesitando heroes

Antón Parada / A. G.

BARBANZA

ANTON PARADA

Quince membros de Amicos volven por terceiro ano consecutivo a realizar traballos de limpeza e consolidación

03 jul 2015 . Actualizado a las 14:21 h.

A miúdo, cando se fala dunha adicción soe ser con carácter pexorativo. O que descoñece a xente é que existe unha minoría de persoas que fan do heroísmo a súa dependencia. Pero ese reducido grupo pode parecer un exército se forma xunto. Onte, a illa de Sálvora foi o seu campo de batalla. 

Os voluntarios da asociación Amicos regresaron un ano máis para prestar servizos de recollida de lixo, erradicación de especies invasoras e consolidación  de elementos arquitectónicos. A súa chegada supón o inicio das quendas deste verán, nas que cada xoves de xullo e agosto un colectivo distinto colaborará no territorio insular.

O ano pasado as accións estiveron enfocadas na eliminación da uncaria tormentosa, planta foránea popularmente coñecida como uña de gato. A campaña pasada constatouse como un rotundo éxito, pois foron retirados 116.000 quilos, deixando completamente libre a zona anexa ao faro. Ademais tamén foron reparados os hórreos, que levan o nome das heroínas de Sálvora.

Nesta etapa, a ese labor sumáronse os exercicios de retirada de refugallos, reforestación da flora autóctona e adecuación de sinais informativas. A campaña opera no marco do programa de voluntariado ambiental da Xunta de Galicia, que medra cada ano en número de participantes e aínda recolle inscricións no enderezo voluntariadogalego.org.

Consenso institucional

Durante a xornada de presentación acudiron as directoras de Voluntariado, Cecilia Vázquez; Conservación, Verónica Tellado; e do Instituto de Xuventude, María Mosteiro. Sobre o terreo puideron comprobar as melloras nas habitacións levadas a cabo na antiga fábrica de salgadura, para os científicos instalados alí de forma temporal. 

No percorrido da visita presentáronse os novos retos, como a consolidación definitiva dos edificios da aldea ou o control do visón americano, animal considerado como perigoso para a fauna. Da mesma maneira, resaltouse o seguimento dos equinos e anfibios, así como o descubrimento dun forno soterrado duns 40 metros cadrados que alberga fragmentos de tella. 

Os distintos representantes institucionais coincidiron coa concelleira ribeirense de Xuventude e Deportes, Aroa Fernández, na necesidade de seguir unindo forzas para a creación dun campo de traballo permanente na illa. O obxectivo sería o de dotar a este entorno ambiental de suficientes prazas para establecer equipos de investigación continuos a pé de campo.