O «Vieta» xa divulga desde Rianxo a cultura mariñeira

BARBANZA

Grupos de vinte persoas poden coñecer o patrimonio vinculado ao mar do municipio a bordo do veleiro galego máis antigo

30 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O veleiro máis antigo de Galicia, o Joaquín Vieta, soltou onte as amarras que o tiñan fondeado preto da localidade de Portosín para iniciar unha esperada travesía que o manterá ao longo de todo o mes de xullo sucando as augas do litoral barbancés para poñer en valor, entre veciños e visitantes, a riqueza da cultura mariñeira. A partir de hoxe, todos aqueles que o desexen, en grupos de ata vinte persoas, poderán subirse ao balandro para percorrer a costa rianxeira.

Juan López Oviedo, Enrique Blanco e Ramón Silva son os experimentados patróns que se encargarán de manexar o temón do veleiro. O primeiro deles, o presidente da asociación que se encargou de restaurar o barco e que agora se ocupa do seu mantemento, explicou onte, á chegada á terra de Castelao, que o obxectivo é divulgar o patrimonio mariñeiro: «Imos levar aos diferentes grupos de viaxeiros pola costa, o máis pegados posible, para amosarlles restos arqueolóxicos que aínda se conservan coma o Castelo da Lúa e vellos estaleiros, ao tempo que poderán ver as embarcacións típicas desta vila mariñeira».

Ruta con catro paradas

A chegada do Joaquín Vieta a Rianxo, onde permanecerá ata o domingo, é só o punto de partida dunha singradura máis longa, que o levará despois ao peirao de Cabo de Cruz, para estar ata o 19 de xullo; á vila pobrense, onde recalará ata o 26 de xullo; e a Ribeira, onde rematará a viaxe o 2 de agosto. Esta singular ruta está financiada pola mancomunidade Arousa Norte, que se suma así á promoción do Encontro de Embarcacións Tradicionais que se desenvolverá en Cabo de Cruz entre o 9 e o 12 do vindeiro mes.

Onte, presenciaron a chegada do veleiro a Rianxo o rexedor local, Adolfo Muíños; o seu homólogo pobrense, Xosé Lois Piñeiro; e o alcalde de Boiro e presidente da mancomunidade, Juan José Dieste, quen fixo fincapé na importancia que ten esta singradura: «Arousa Norte quere achegar a cultura mariñeira aos veciños e aos visitantes, por este territorio atopa o seu sentido no mar». Tamén se referiu ao barco en si e á súa relevancia histórica: «O Joaquín Vieta foi rehabilitado no 2010 para converterse nun buque museo que é símbolo da cultura mariñeira, reaviva a memoria histórica e da a coñecer a riqueza do patrimonio marítimo a través da súa tripulación».

«O patrimonio marítimo galego é a herdanza que queremos dar a coñecer con este proxecto»

Juan José Dieste