O vello muíño de Cochas entrou en acción na muiñada de Amendo 35 anos depois

m. x. b.

BARBANZA

Os romeiros aproveitaron as sombras para gozar da comida e da sobremesa.<span lang= es-es > </span>
Os romeiros aproveitaron as sombras para gozar da comida e da sobremesa. marcos creo< / span>

Numerosas persoas participaron na romaría

29 jun 2015 . Actualizado a las 01:12 h.

Facía 35 anos que o muíño de Cochas, unha das tradicionais construcións que conforman o conxunto de Amendo, no parque natural de Corrubedo, non tiña actividade. Pero onte quixo sumarse a unha nova edición da festa popular organizada polo colectivo Altofalante, en colaboración coa asociación de veciños de Carreira. Non podía faltar a unha cita que congregou a numerosas persoas, que non quixeron perder a ocasión de sumarse a un animado xantar campestre.

A xornada arrancou cunha ruta de sendeirismo na que o club que se ven de fundar en Noia, Senda XXI Barbanza, puxo o colofón en forma de camiñata teatralizada, o que espertou gran interese, sobre todo entre os máis pequenos. Logo foi o propietario do muíño de Cochas o que cobrou protagonismo para explicarlle aos presentes os pasos a seguir desde que se recolle o grao na leira ata que se converte en delicioso pan. Fixo unha proba moendo millo e entregoulle ao público pan que cocera no forno instalado na mesma construción o día anterior.

As explicacións e o anaco de pan de millo serviron para abrirlle o apetito aos participantes na Muiñada, que buscaron a sombra das árbores para gozar dun longo xantar. A tarde foi moi animada, con actuacións de gaiteiros, pandereteiras e o grupo de teatro do colectivo veciñal de Carreira. O gran momento dos pequenos chegou cando entrou en acción Peter Punk. Nenos e maiores enleáronse despois nunha gran batalla fariñeira.

Desde Altofalante facían un balance moi positivo da xornada: «A implicación dos veciños foi total e iso era precisamente o que buscabamos os organizadores», comentaba Carlos Lixó, o presidente.