«Quen pense que imos seguir coa política do amiguismo está errado»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O único rexedor da comarca que representa a unha marea cidadá afronta o seu cargo ilusionado pola oportunidade que lle brindaron os seus veciños

28 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A gran marea que asolagou Galicia o pasado 24 de maio ten o seu representante barbancés no alcalde de A Pobra, Xosé Lois Piñeiro. A agrupación de electores que encabeza, Nós Pobra, foi a gran sorpresa da xornada electoral. Agora, ante el preséntase o reto de converter a política asemblearia en garantía de goberno xusto, transparente e honrado. Sabe que non será tarefa sinxela pero móstrase ilusionado ante o reto.

-¿Por que nace Nós Pobra?

-Nace da necesidade dun cambio na política local e da desconfianza da cidadanía cara os partidos tradicionais. A gran forza da agrupación ven desa xente que nunca participou na vida política e quere cambiar as cousas.

-Na comarca houbo varios intentos de conformar movementos que ao final non funcionaron, ¿por que cree que o seu o conseguiu?

-Foi fundamental que os que xa tiñamos experiencia nos vísemos apoiados por unha xente cargada de ilusión.

-Coa vitoria na man, ¿están chegando oportunistas á asemblea?

-Se asumen os compromisos e teñen claro o que somos, non hai ningún problema. Quen pense que imos seguir coa política do amiguismo está errado. Rapidamente se dan conta.

-¿Esperaba o resultado?

-Eu concretamente si o esperaba. Durante a campaña xa tíñamos a sensación de que íamos a sacar moi bos resultados. Tivemos moito contacto veciñal, percorremos aldeas e petamos porta por porta. Sentíamos ese respaldo, eses folgos... Eu levo tempo en política e nunca sentira algo así. A miña aposta era catro, aínda que é certo que cunha composición diferente. Creo que as outras organizacións non presentaron a mellor lista posible e había cansazo por eses 16 anos de política do PP. Cando favoreces a alguén sempre prexudicas a outro.

-Teñen a gran responsabilidade de non parecerse á vella política.

-Váisenos esixir moito pero estamos dispostos a soportar esa carga. Por iso estamos aquí. Hai xente que pensa que imos funcionar igual que os que estaban antes e están equivocados.

-O termo nova política domina o debate público, pero ¿que é?

-A nova política é moi participativa, moi transparente, honrada, xusta e democrática. A xente ten dereito a saber que se fai cos seus cartos. Canto gaña o alcalde. É ridículo manter unha páxina web onde sobre os orzamentos só aparece unha páxina do 2012.

-¿É a transparencia a gran materia pendente en España?

-Creo que si. ¿Por que hai este escurantismo nos orzamentos? Supoño que hai favoritismos que incluso lles da vergoña exhibir.

-Outro reto é a democracia aberta, ¿cre que a xente se vai involucrar en facer política municipal día a día?

-Pode que ao principio non o faga moito, pero cando vexan que as súas decisións se escoitan e se aplican darán o paso. Non vale unha participación disfrazada, irreal, onde contas un conto. Queremos abrirnos á cidadanía o máximo posible.

-Comentaba un dos fundadores de Podemos que nas asembleas acaba impoñéndose o que máis está nelas, non o que ten razón.

-Efectivamente é un problema. Sabemos que vai a existir e temos que estar vixiantes, o importante é a democracia interna da asemblea, que ata o momento é plena. No momento en que empecemos a crear pequenos grupos seremos vella política.

-¿Que debe cambiar a vella política para adaptarse?

-Precisamente o que nós facemos con garantías e que é real. Non con dicir son asembleario es asembleario, non con dicir son transparente es transparente. Hai que manter que o interese público sexa o primordial. Hai partidos que fan pactos contra a corrupción e que realmente téñena institucionalizada dentro de si.

-Formou parte da vella política, ¿por que marchou?

-A democracia interna dentro do BNG deixa moito que desexar, por iso marchei. As ideas fóronse radicalizando sempre considerando que quen está errada é a cidadanía e non o propio partido. Entón eu busquei achegarme á cidadanía. Agora síntome dunha forma completamente distinta. O BNG ten cousas boas, pero ten que dar un paso e facer cambios significativos na forma de relacionarse coa cidadanía.

-¿A súa presenza condicionou un posible pacto de goberno cos nacionalistas?

-É o fácil de pensar pero nunca puxeron en cuestión a miña persoa. Posiblemente tivo algo que ver, pero sinceramente penso que pesou máis o feito de que quedasen por detrás nosa. Isto último non o aceptaron ben porque creo que nos infravaloraron durante a campaña e creo que aínda o seguen a facer.

-¿Como cre que será gobernar en minoría?

-Vai a ser difícil, imos ter que traballar moito as propostas que levemos ao pleno. De tal forma que cando se lle presenten á oposición non teñan máis remedio que apoialas. Se as súas iniciativas son as correctas teremos que apoialas, incluso as do Partido Popular. Ese vai ser o momento da democracia verdadeira.

Xosé Lois Piñeiro Alcalde de a Pobra

«A nova política é moi participativa, moi transparente, honrada, xusta e democrática»

«No momento en que empecemos a crear pequenos grupos seremos vella política»

«A democracia interna dentro do BNG deixa moito que desexar, por iso marchei»

«O que atopamos ao chegar é unha situación caótica dende todo punto de vista posible»

A nova política que propugna Nós Pobra ten como obxectivo rematar cunha forma de xestionar que consideran caduca. Os primeiros días de Xosé Lois Piñeiro como alcalde están sendo complicados, aínda que non desfalece ante a adversidade.

-¿Como foi a súa primeira impresión do Concello?

-O que encontramos é unha situación caótica dende todo punto de vista posible. Incluso difícil de asumir. Estamos dedicando moitas horas de tempo a controlar como funciona realmente o Concello e buscando eficiencia e eficacia. Informamos aos traballadores de que non viñemos a facer ningún tipo de persecución por ideoloxía.

-¿Que cambios propoñen?

-Este concello está pensado para un tipo de política e nós imos facelo para outro. Necesitamos cambios de cara a mellorar a participación veciñal, o acceso ao Concello, fomentar a dinamización e apoio ás empresas, potenciar o turismo. Encontrámonos que nos orzamentos non hai nada para a partida de turismo e nós cremos que é un dos piares fundamentais da vila.

-¿A nivel municipal que posibilidade hai de cambiar as cousas?

-O cambio vaise a dar a diferentes niveles: descentralización da inversión e intentar chegar a tódolos puntos da localidade. Confío que a xente nunca se sinta manipulada polo goberno, quero que teñan plena confianza en nós.

-¿Existe medo ao fracaso?

-Vainos custar tomarlle a man ao concello, pero o que me dá medo é que fagamos o que prometemos e que á cidadanía non lle sirva e volva votar á vella política. Ao mellor hai xente que quere vivir no amiguismo e non nunha vila na que se impoña o criterio xusto. Confío en que non sexa así e que a xustiza impere.

-¿Os cidadáns sempre teñen a razón absoluta?

-Sempre teñen dereito a expresarse e a recibir explicacións. Á xente moléstanlle moito máis os privilexios que non as cargas que lle poden vir enriba cando as políticas son xustas.

-¿Que significa para vostede o concepto de política?

-Significa dende hai moito unha inquietude que levo dentro. É o xeito de arranxar as cousas, mellorar a calidade de vida dos veciños, poñendo sempre por diante o interese público.