Unha traxetoria chea de cortes nas mans

La Voz

BARBANZA

26 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Había certo determinismo na súa relación coa madeira, pois a carpintería era oficio familiar dende había tres xeracións. Os primeiros cortes nas mans viñeron cando de moi rapaz andaba a meter puntas e xogar coas trenchas no taller; daquela estaba anexo á casa dos avós. A partir dos 15 anos seguiuse cortando as mans, pero esta vez de forma remunerada.

Na talla empezou por querer facer algo (ou por non compralo): unha caixa para un regalo cunhas follas e flores na tapa e un tronco en cada esquina na base; para iso usou dúas gubias e un cutter que había no taller. Como non lle quedou mal, e lle gustou facelo, comprou un libro sobre talla onde descubriu que existían máis tipos de gubias cás curvas... De aí pasou a interesarse polo románico, pois vira que nas igrexas, ás que o obrigaran a ir en diversas vodas, había esculturas. Despois pasou ás xa máis realistas do gótico, ás renacentistas... e despois veu o resto. Acabou facendo Historia na UNED, que aparcou por falta de tempo ao se «profesionalizar» na talla.

A súa formación, tanto en talla coma en escultura, como se ve, foi autodidacta, apoiada en diversa bibliografía, con moita proba-erro e coa base da formación que tiña como carpinteiro.

Gárgola en relevo

Esta foi moi gradual: da caixa coa tapa tallada pasou a un baúl de tapa tallada. E no medio, fixo unha gárgola en relevo; despois do baúl fixo outro baúl coa tapa aínda máis tallada, e no medio fixo un bruxo en vulto redondo, co cal xa se meteu ca escultura. Despois foron máis cousas que, aínda que son agradables de recordar, han de ser bastante aburridas de ler.

En 2011 empezou a compaxinar a carpintería coa talla en madeira de modo máis profesional (e vendendo o que tallaba).

Fixo dúas exposicións, ambas en Boiro: no Faiado, en 2003, e no Centro social no 2014. Está preparando unha nova en Cabo de Cruz, para setembro.

No 2011 comezou a facer demostracións de talla en Feiras de artesanía e medievais. Botouse a andar na Mostra das Culturas de Boiro, e mais na Feira Franca de Pontevedra. Logo, a Reconquista en Vigo, A Arribada, en Baiona, a dos Vellos Oficios en Lugo, a Festa da Historia en Ribadavia, o Arde Lucus, entre outras.