«Cando vendo unha das pezas sempre me queda un certo baleiro»

ANA ISABEL TEMBRA PIÑEIRO

BARBANZA

Defínese como artesán da madeira, vocación que lle vén de familiaRoberto Figueira Carpinteiro, ebanista, restaurador, artista

26 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Roberto Figueira Martínez, 1982, rianxeiro de Taragoña. Xa con 12 anos andaba a se mergullar no taller de carpintería que rexenta a súa familia na localidade rianxeira de Asados. Esa tradición familiar foi determinante na súa formación. Como el mesmo di entre sorrisos, viña marcado xeneticamente. Profesión? Carpinteiro, ebanista, restaurador, artista. Diferentes temáticas para técnicas distintas, que aborda con rigor e habelencia. Un artista de pensamentos propios, moi ben amoblado, que vai de artesán pola vida. Unha mente inquieta, ampla, atenta tanto á novidade como á tradición. Un autodidacta sobradamente ben preparado nas teorías da historia da arte.

-Roberto, como empezaches nesto da carpintería, da ebanistería?

-Eu sonche un elo nunha longa liñaxe de artesáns da madeira. A carpintería é o negocio familiar. Xa o meu bisavó marchara traballar a Brasil de carpinteiro e, cando retornou, montou a carpintería que chega ata hoxe.

-En que momento te dás conta de que a madeira é o teu, que isto che tira máis que calquera outra cousa do teu contorno?

-Realmente, non sei se predestinado, pero si moi condicionado. E o ambiente sempre te condiciona. Dende que recordo, tiña interiorizado que ía ser carpinteiro, porque é o que vía, tocaba e ulía. Vaste iniciando inconscientemente e acabas sendo o que fas.

-Pero non artista? porque non é o mesmo facer un moble ca unha obra artística.

-Realmente déuseme máis pola ebanistería, a talla, a decoración. Sempre me gustou a decoración; digamos que o meu é como unha paixón pola ornamentación, que é, despois da forma, como a cor que fai que unha peza resulte atractiva á vista e ao tacto. E, polo tanto, o que nos leva a admirala e a desexala.

-Non che resultou difícil cambiar o teu esquema mental, pasar da factoría de mobles, stricto senso, á produción artística?

-Calquera artesán ou artista debería coñecer a fondo non só o material senón tamén a técnica. Como Picasso, que antes de distorsionar e romper as figuras, é un grandísimo pintor realista. Non, non é difícil pois cando estás farto de ver algo, a forma xa a ves, xa a intúes na materia. Ser carpinteiro axúdache a coñecer a madeira, o que ofrece, o que nega, a dureza, a maleabilidade, a cor, a textura. E o mesmo pasa coa ferramenta, o medio polo que acadas as formas, practicamente a mesma cá da ebanistería; logo, a adquisición da técnica: o corte exacto, o puído, o baleirado... e o resto xa é cuestión de proba-erro.

-Tes algunha peza fetiche, á cal lle puxeses máis empeño, á que lle colleses máis apego?

-Sempre hai de todo, están as primeiras que fixeches, de aprendizaxe ou iniciación ...; a miña produción é bastante heteroxénea, algunhas por encargo e outras por lecer. Vas analizando o proceso creativo, pero realmente co que te quedas é co resultado final. Cando rematas e dis, «pois si que está chula», é satisfactorio. Aquí está o problema da creación e da súa finalidade. Que é un obxecto artístico e que é o que o define como tal? Despois vén o que facer con el. A arte nace para ser vendida? Vender non é só unha cuestión de cartos; é tamén darmos a coñecer a obra e nós mesmos. A creación é unha necesidade anímica e persoal, e outra moi distinta é a necesidade, material ou a artística, de comer ou de sentirse recoñecido. Moitas veces, a relación co artefacto é unha especie de amor odio. E cando vendo unha das pezas sempre me queda un certo baleiro.

-Coidas que está suficientemente valorado o traballo do artesán-artista neste momento?

-Pois depende. Nótase moito o contraste entre a cultura urbana e a rural. A sensibilidade cara ao traballo manual e exclusivo apréciase máis nas contornas urbanas, onde se lle dá máis valor á artesanía, asociado posiblemente a unha maior formación cultural e a un maior poder adquisitivo. En todo caso, segue a valorarse máis o traballo do artesán pola súa vistosidade, ca polo traballo minucioso e as horas que ti lle dedicas. Que son moitas. Sobre todo, hoxe en día, en que os produtos en serie, nacionais ou importados de afastados países, nos anegan coa súa presenza repetitiva, falta de orixinalidade e aura artística.

-Roberto, que é a arte para ti?

-Debo dicir que eu sempre me achei máis conforme coa apelación de artesán. Dáme máis seguridade. O mundo da arte e dos artista é pouco definible: hai moito de impostura, de soberbia artística, de mistificación. Saber que é arte ou non é, distinguir sen equivocarse entre os artistas grandes, os medianos, e os outros, non sempre é doado, sobre todo nun momento en que, en nome do posmodernismo, todo vale, todo é arte, todo é vendible se estás nos circuítos adecuados, e a crítica te acompaña.