Baldo Ramos, un poeta pintor

ANTONIO PIÑEIRO

BARBANZA

26 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Signo, esencia, icona, embrión, paratextualidade, inmediatez, insinuación. Diciamos unha vez, coido que aquí mesmo, que o acto pictórico de Baldo Ramos ten o significado daquel soprido co tuto, na cripta primitiva da arte; o pigmento expelido co que o pintor (aquel xamán, gurú, mestre) descubriu o mundo en si mesmo ou se sorprendeu entendéndoo. Diciamos tamén que esa parte icónica do seu feito picto-poético ten o seu pivote no concepto de libro, que Baldo nunca se distancia da idea do libro, ou a idea do libro nunca se distancia del. Hai pouco estivo en Artes, con Carlos González, amosando parte dunha obra xa extensa, presentísima no eido cultural, da que tamén ten parte na Sala de Arte de El Correo Gallego (Santiago), ata finais de mes, e na do Liceo de Noia: unha escolla da súa máis recente produción, da que provén este formato apaisado de hoxe.

Velaí, outra volta, a dimensión amorfa do instante, a mancha-gadoupa do pigmento, coma unha forma do vento (que acae porque nos deixa intuír a cadencia estacional, fenoménica, coa que Baldo volve sobre os temas) nas tintas, os aramios, os fíos, as inscricións, os gravados, os textos, as enerxías e materias coas que Baldo Ramos interacciona nese microuniverso que é o seu estudio. Velaí, sobre todo, a presenza do libro, a súa icona artística, as páxinas abertas, a simetría de papel que contén as criaturas dese universo.

Orixe emotiva da linguaxe

Baldo, coa súa concepción aleatoria do acto plástico, coa súa teoría (kantiana) do caos, está, quizais, na idea da orixe emotiva da linguaxe. Está na formulación nova que é toda necesidade, na exclamación ou declamación primeira e emocional pola que chegar a un nome, a un concepto ou á reflexión que a experiencia sensible puidese extraer dese primeiro intre. Coido que teño visto iso mesmo en certas tradicións «orientais», aquilo de que «o trazo é o elemento da arte», ou aqueloutro do «trazo abrente», que dicía Heidegger.

Baldo Ramos acepta a volatilidade das cousas, a volatilidade, tamén, do ser-pensar, a súa fragmentariedade, esa corrente de conciencia da que provén o acto poético-plástico. Relé constantemente, recoloca, escinde, renova, actúa como estando el mesmo no acto, como deixándolle ou quitándolle partes de si. Baldo non explica, poida que interprete ou evoque, mais, sobre todo, aprehende, no acto, o que o acto (os seus fenómenos e os seus nóumenos) é.

Recordo as follas que preparaba para unha intervención, esparexidas polo chan do seu estudio, prendidas no bordo dos cabaletes coma andoriñas de tinta, paxaros a piques de remontar un voo que era o seu propio, o de Baldo, e que, premonitoriamente, daría título a outro dos seus proxectos, quizais porque o libro é tamén un paxaro do pensamento -que diría unha greguería de Gómez de la Serna-, e as páxinas as súas as.

Este formato apaisado forma parte da recente produción exposta en Artes e no Liceo de Noia