«O PP non está corrixindo os seus graves erros, e así imos á debacle»

BARBANZA

López Crespo, que estreará a sexta maioría absoluta, defende a municipalización de servizos<span lang= es-es >. </span>
López Crespo, que estreará a sexta maioría absoluta, defende a municipalización de servizos. firma < / span>AGENCIA< / span>

Sinala que Feijoo está nas antípodas de Rajoy, que é o antídoto ante Madrid

14 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Case por casualidade, a cita con Carlos López Crespo, alcalde de Outes polo PP e o rexedor máis veterano da comarca barbancesa, é no paseo do río Tines. Nada máis botar a andar falamos de política, aínda que a conversa se trufa con lembranzas da súa etapa de profesor, dos tempos nos que marchou a Portugal ensinar. López Crespo mira para unha árbore vella, que ten un gran buraco, pero segue aparentando robusta. E di: «Mira, esta é como a fenda do PP, que está aí pero parece que se pode superar». Tras esas palabras, case se espera o discurso cotiá. Esa lección de corrido que recitan algúns conservadores de que, en realidade, as urnas os castigaron pero o partido segue a ser máis votado. Pero nada máis lonxe da realidade.

-¿Esperaba o castigo que levou o PP nas últimas eleccións?

-Tanto non. Sabía que os cidadáns nos ían dar unhas boas chaparretas polos erros gravísimos cometidos polo PP, pero non crin que sería tan grande o castigo.

-¿Cales son eses erros?

-Cando Rajoy entra a gobernar vai a Bruxelas e danlle unhas consignas que son antisociais e tenas que asumir. E admitímolo. Pero paralelamente non evita outras medidas como son a lei de educación, a reforma do aborto, posiblemente a política laboral, ou a lei mordaza, que é o colmo, que é o inicio dun totalitarismo, e que se podían ter evitado... E deixou que ministros como Wert, Gallardón e Soria fixeran o maior dos ridículos.

-¿E a corrupción, que di dela?

-Que nos pasa moita factura. Coa corrupción hai dúas visións. A maioría da sociedade di que aos corruptos hai que perseguilos, metelos no cárcere e que devolvan o roubado. Logo está a outra visión, que é a dos corruptos, que a negan. Os que din que no PP somos 60.000 cargos públicos e só hai 200 imputados. Eu digo unha cousa máis. A corrupción hai que evitala. Hai mecanismos, hai institucións e persoas que teñen que controlar o procedemento e o gasto. Nos concellos son o interventor e o secretario. Controlando iso acábase coa corrupción. E diso nin ninguén fala.

-¿Tomou o seu partido medidas contra a corrupción?

-Non fixeron nada. Creo que non souberon. Non nos consultaron aos que levamos tempo nisto. Non falo de Outes por presumir, pero se aquí non se debe e se fan cousas é porque temos os servizos municipalizados. A maior corrupción nos concellos de España fíxose a través de concesións de servizos a empresas.

-¿Pasouno mal co SMS de «Luis sé fuerte», ou a frase «los del PP somos como somos» de Rajoy?

-Paseino moi mal. Eu hai cousas que non lle perdoo a Mariano, por exemplo, dicir «Rita eres la mejor». Pásoo mal porque vexo que cada día se afasta das expectativas que teñen os cidadáns.

-No PP hai quen fala de que son erros de comunicación. Lembre a León de la Riva, ex alcalde de Valladolid, que dicía que non se lle entendía ben...

-Para nada. O PP se tivera un problema de comunicación ten medios para resolvelo. Non creo que a comunicación preocupe cando se pon a comunicar a Floriano, un señorito de Estremadura que intenta unha e outra vez gobernar alí e non o logra. ¿León de la Riva? Non é que non o entenda, o que pasa é que se subo con el nun ascensor e levo escote téñolle medo, porque é o máis primitivo que hai neste mundo.

-Defina a Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría e De Cospedal...

-Rajoy é un home moi intelixente. Pero puxo a astucia por diante, e non gastou a intelixencia. Soraya é unha suplente que non protesta. E de Dolores de Cospedal nin comento. O noso partido non se merecía algo así.

-Cerremos o capítulo nacional, ¿está o PP corrixindo os erros?

-O PP non está corrixindo os seus graves erros, e así imos á debacle. En Madrid están menosprezando o patrimonio humano que ten o PP. Nas bases está a solución e nas elites o fracaso.

-Falemos do PP en Galicia...

-Dende o primeiro día dixen que o PPdG non tivo culpa no castigo ao PP. A actitude do goberno galego e, particularmente do presidente, é máis racional, conta moito máis cos cidadáns. O PPdG actúa con corrección.

-Algúns ven a Núñez Feijoo en Madrid, ¿vostede onde o sitúa?

-Como español veríao encantado en Madrid. Pero como galego quéroo ver aquí, Feijoo en Madrid daríalle un cambio a isto que, en palabras de Guerra, «no lo conoce ni su madre». Alberto está nas antípodas da política de Rajoy, é o antídoto ante Madrid.

-¿E que ocorre en Barbanza?

-Sorprendéronme os resultados de Ribeira e Noia. Nunca vin a un político tan triste despois dunhas eleccións como a Manolo Ruiz. En Noia entristéceme que non se dea creado un núcleo duro de políticos que convertan o concello nun centro comarcal que irradie brillantez. O resto dos fracasos do PP, como Mazaricos e Carnota, están máis que xustificados.

-De España a Galicia, a Barbanza... E agora ata vostede, ¿co crítico que é, pensou en irse do PP?

-Non. No PP sempre me sentín ben tratado. Tiven un gran profesor como Romay Beccaría. E contradíxenlle moito a don Manuel sen que nunca me botara unha rifa. Estou ben, pero sen perder nunca o espírito crítico.

carlos lópez crespo rexedor de outes e o alcalde máis veterano de barbanza

«Feijoo en Madrid daríalle un cambio a isto que, como diría Guerra, ?no lo conoce ni su madre??

«Eu hai cousas que non lle perdoo a Mariano, por exemplo, dicir iso de ?Rita eres la mejor??

«Creo que nunca vin a un político tan triste tras unhas eleccións como a Manolo Ruiz»

«Neste momento histórico entendo perfectamente a existencia de Podemos»

Crespo non fala só do seu partido. Ten discurso sobre as mareas e Podemos. Comeza narrando una anécdota recente....

-Estábame contando que o outro día saudou ao novo alcalde de A Coruña, que é dunha marea....

-Si. Tiven a oportunidade de saudar ao novo alcalde da Coruña. Feliciteino, pero díxenlle que se fai o que dixo en campaña en cinco meses está imputado e nun ano en Teixeiro. É unha esaxeración, pero que ten unha base. Esta xente que entra de novo está dicindo cousas totalmente antagónicas coa lei. Ada Colau, por exemplo, di cada cousa que é terrible. En política se non vas a favor da lei vas en contra das persoas, por moito que ti digas que a quen defendes é ás persoas.

-¿Que di de Podemos?

-Neste momento histórico entendo perfectamente a existencia de Podemos. Na sociedade hai dous mananciais. O da corrupción, que cada día leva máis caudal. E o do Estado do Benestar, que cada día é máis pequeno. E entón prodúcese un enfado colectivo moi exacerbado e veñen estes grupos que cunha altísima formación doutrinal conseguen convencer aos cidadáns de que o Goberno e todos os políticos en activo están nun erro universal. E fanlle unhas propostas de solución. Pero fáltalles a praxis. A min hai cousas de Podemos e das mareas que me gustan, que teñen razón de ser, como a aproximación á cidadanía. Pero outras non. Son profesionais da posta en escena.

-¿Ve a Pablo Iglesias como futuro presidente do Goberno?

-Non. Estou seguro de que non. O iberismo vai evitar que cheguen a ter maiorías. E espero que, antes de que gobernara, os líderes do PP e PSOE acendan máis luces que as que teñen agora e cheguen á cultura do pacto e do entendemento. Porque non hai tanta distancia programática e a ideolóxica neste momento está totalmente superada.

-Rematemos. Podemos teno que demostrar todo aínda. Vostede xa o fixo. Vai pola sexta maioría, ¿cal é a receita?

-Actuar con sentido común. A min, cando entrei a gobernar, levaba só dous ou tres días, veume visitar Romay Beccaría e díxome: «Carlos, en política o que non queiras que se saiba non o fagas». E esa frase foi sempre o frontispicio do meu despacho e da miña vida. Nunca fixen cousas que non puideran saberse.