«Celebración» poética no enxebre Curral do Marqués

BARBANZA

Antía Otero, Antón Blanco, Gonzalo Hermo e Adolfo Muíños, na presentación do libro.
Antía Otero, Antón Blanco, Gonzalo Hermo e Adolfo Muíños, na presentación do libro. marcos creo< / span>

Gonzalo Hermo, da man da editorial Apiario, presentou o seu segundo libro

31 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Rianxo en funcións, Adolfo Muíños, deixou constancia de que a vila que representa ten un pasado literario de alto nivel, pero tamén un presente e un futuro. Nestes dous últimos casos referíase a Gonzalo Hermo que aínda que non naceu na vila de Castelao, si que forma parte dela, porque, como dicía un clásico, un non pode elixir onde nacer, pero si onde vivir.

O acto mensual de Barbantia, no que se repartiu o suplemento cultural número 105, fixo de plataforma á presentación do libro de poesía Celebración, de Gonzalo Hermo, editado por Apiario, cuxa responsable, Antía Otero, apuntou que estamos ante unha obra excepcional que mereceu, por exemplo, o Premio da Crítica da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) no 2014. A editora explicou que Apiario quere que os autores das obras que publican «teñan o papel e o lugar que queiran ter, sen mapas establecidos», e no caso do libro «fiel á linguaxe» e do poeta presentes, son o punto de partida da sección de poesía, na colección Cera Labrada.

Clube de fans

O tamén poeta Antón Blanco presentouse como representante do club de fans de Gonzalo Hermo, do que en realidade é bo amigo e coñecedor e seguidor da súa obra. Da mesma maneira que fixera Antía Otero na súa quenda de palabra, explicou a progresión do autor de Celebración no eido da poesía, no que se deu a coñecer coa súa primeira publicación, Crac, que, non obstante, non ten nada que ver coa que se presentaba antonte. Tanto Blanco como Otero constataron unha enorme progresión na escrita de Hermo. No mesmo acto incluso se chegou a concluír que o creador rianxeiro está chamado a ocupar un posto de privilexio na poesía galega.

Gonzalo Hermo agradeceu as verbas dos tres compañeiros de mesa, e practicamente cinguiu a súa intervención aos agradecementos e a manifestar que, en realidade, a maior parte da xente que abarrotou o enxebre Curral do Marqués de Taragoña, eran familiares e amigos. E como non quedou dúbida de que a poesía é o del, pasou a recitar versos da súa obra, acompañado pola música de Olalla Cociña, outra poeta cuxa traxectoria obtivo recoñecementos en forma de diversos premios.

Como dixo o alcalde na apertura do acto, no establecemento «entre copas, churrasco e letras» desenvolveuse outro acto de Barbantia que, nesta ocasión, contou coa asistencia dunha persoa de plena actualidade, o mais que probable vindeiro alcalde de Santiago Martiño Noriega, que dixo coñecer moi ben Barbantia.