«Teño medo de que o que tanto custou levantar se desbarate»

j. m. sande MUROS / LA VOZ

BARBANZA

O seu recuncho é o que está preto do mar, pero os achaques levan ao muradán a ficar na súa casa.<span lang= es-es > </span>
O seu recuncho é o que está preto do mar, pero os achaques levan ao muradán a ficar na súa casa. sande< / span>

O muradán asegura que non existe segredo algún para superar a barreira dos cen anos

30 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Para o muradán José Gallego Pastoriza, o mar é todo na vida. Nas augas de Moaña tivo o seu primeiro emprego na pesca, fixo a Guerra Civil a bordo do Canarias. Estivo 36 anos enrolado en barcos da navieira Vascongada, e aínda despois de retirado foi a pesca deportiva a súa principal afección. O seu lecer, cando o tempo ou algúns achaques físicos llo permiten, aínda o leva a sentarse a falar sobre o peitoril da dársena. Tamén a súa conversa xira con frecuencia ao redor da actividade mariñeira. Por iso, afirma que non entende a vida lonxe do mar.

Ter superado a barreira dos cen anos non lle impide a este veciño de Muros lembrar con todo luxo de detalles a súa chegada ao territorio muradán: «A pesca unía os nosos pobos. Na busca da sardiña iamos dunha ría a outra. Así chegou a Muros un irmán meu e máis tarde tamén eu casei neste pobo». Comenta que, ás veces, incluso afloran na súa cabeza lembranzas da xuventude en Moaña, pero asegura que nunca se arrepentiu de ter tomado a decisión de establecer en Barbanza o seu fogar: «Aquí, rodeado da familia, muller e tres fillos, pasei os mellores anos da vida, aínda que lamento non estar máis tempo cos meus, xa que a navegación mo impediu. Cheguei a estar tres anos sen vacacións, pero logo as etapas no mar foron sempre máis curtas».

José Gallego foi testemuña dos cambios que sufriu Muros ao longo das últimas décadas. Sinala que non foi para tanto: «Fisicamente é parecido, pero a xente cambiou moito. A estética do pobo mellorou, aínda gardando a súa esencia, pero daquela había moitas casas mal amañadas e as rúas estaban desfeitas. Aquí, coma nos pobos da costa, a posguerra foi moi difícil para as persoas. Escaseaba todo. As familias tiñan moitos fillos e non había que darlles de comer. Ao lembrar aquilo, agora decátome das calamidades que se pasaron. Logo prosperouse na pesca, moitos fómonos para a mercante, e a vida mudou totalmente».

Morriña do casino

Dise que a moitos mariños lles custa adaptarse a vivir en terra ao xubilarse, pero ese non foi o caso deste muradán. Aínda así, Gallego nunca foi quen de desligarse completamente do mar: «Saía a pescar nun bote, ben ás luras, ao marisco ou aos peixes. Nunca para vender, pero para ter sempre algún peixe no conxelador. Tamén me incorporei aos costumes sociais da vila. Fíxenme socio do casino, onde tódolos días votaba unhas partidas de dominó, e tamén participaba nos faladoiros cos mariñeiros. O peche do casino foi unha gran perda para os xubilados de Muros. Agora, cando non podo saír, a tele é a principal distracción. Gústanme os deportes, e en especial o fútbol».

Nas moitas horas mortas que pasa fronte á pequena pantalla, este veciño de Muros ponse ao corrente incluso de cuestións de carácter político. Recoñece que a situación actual non é do seu agrado: «Teño medo de que o que tanto custou levantar se desbarate. Hai moito iluminado e salvadores da patria, cando o que ocorre con frecuencia é que só se busca o ben propio. Estamos nun mal momento. Gustaríame que imperase o sentidiño e se mira pola xente, que se atenderan os seus problemas».

Unha vida normal

Como case todos os que conseguen cumprir o século de vida cunha saúde aceptable, como é o seu caso, Gallego vese incapaz de desvelar o segredo da lonxevidade: «Coido que inflúe a xenética e tamén a sorte de non padecer doenzas graves. Eu sempre fixen unha vida normal, coma os demais. Nunca me excedín en demasía, pero tomei os meus tragos, e tamén comín de todo polo mundo. Aínda agora me gusta tomar os viños e as tapas antes de xantar. Na casa nunca me fan comida especial, como de todo. Non son facilmente irritable, nin porfío por costume. Tampouco abuso do exercicio físico, co tempo volvinme cada vez máis pasota e sedentario».