Eleccións e caciquismo no Barbanza

ANTÓN RODRÍGUEZ GALLARDO

BARBANZA

Os Gasset acapararon a representación nas Cortes entre 1896 e 1923

29 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O apelido Gasset está ligado estreitamente ao xogo político da segunda metade da Restauración no antigo distrito electoral de Noia, formado polos concellos de A Pobra do Caramiñal, Boiro, Lousame, Porto do Son e Ribeira xunto coa capital. O vencello parte de 1896, cando Rafael Gasset Chinchilla, avogado, xornalista e político liberal madrileño, é elixido deputado ás Cortes por este distrito, abrindo un período de máis dun cuarto de século no que a familia Gasset, en primeira persoa ou a través dos seus achegados, acaparará a súa representación en Madrid.

A súa elección repetirase nos seis comicios seguintes (1898?1907), sumando a totalidade dos votos emitidos, e tamén en 1910, coa forte oposición neste caso do conservador noiés Alejandro Cadarso. Ao ser tamén elixido por Ciudad Real, deixará a representación do distrito de Noia en mans de Prieto Mera, avogado do seu bufete, proclamado polo artigo 29 da Lei Electoral; é dicir, sen celebrar votación ante a ausencia de rival, tras obviar inexplicablemente a Cadarso.

Pola mesma vía do artigo 29 obtiña a acta de deputado en 1914 e 1916 Joaquín Chapaprieta, outro membro do bufete familiar. E en 1918 sería un sobriño de Rafael Gasset, Eduardo Gasset Neira, o que saíse deputado despois de vencer co 98% dos votos ao conservador Vázquez Enríquez. Tras a súa repentina morte, sería substituído por Ricardo Gasset Alzugaray, curmán seu e fillo de Rafael, proclamado polo artigo 29, ao igual que nas eleccións de 1919.

Xogo político

Toda esta sucesión de resultados favorables para os liberais da facción gassetista, resoltos pola vía rápida e doada do artigo 29 ou por votacións de maiorías tan contundentes como pouco cribles, non eran máis que parte do xogo político da época.

A práctica do «encasillado», que posibilitaba que as candidaturas oficiais, consensuadas entre liberais e conservadores, tiveran gañadas as eleccións antes de celebrarse, desvirtuaba os comicios, dando protagonismo aos artificios legais e aos caciques locais, encargados de que os resultados cadrasen cos desexados polo goberno.

Tería que pasar un cuarto de século dende que o gassetismo atopase en Barbanza o seu cómodo trampolín ás Cortes, para que este statu quo fose cuestionado en firme polos conservadores da comarca, que se conxuraron para arrebatarlles aos Gasset, os que consideraban alleos a esta terra e aos seus intereses, a representación nas Cortes e o poder acumulado na administración local. Con todo, non foi posible, xa que, nin Varela de Limia, Vizconde de Santo Alberte (1920), nin o brillante avogado e ex gobernador civil de Valencia José Calvo Sotelo (1923), foron quen de impoñerse a Ricardo Gasset.

O certo é que o control exercido polos liberais gassetistas sobre o aparato administrativo dos concellos barbanceses, que supoñía nomear xuíces, alcaldes e secretarios, anulaba case por completo as posibilidades dos seus adversarios.

A falsificación das actas electorais, a compra de votos e mesmo censos enteiros, a votación de finados, as coaccións, ou o cambio de votos por favores, eran prácticas habituais dos gassetistas, aínda que non exclusivas destes, como amosaran noutros distritos os conservadores e as demais faccións do liberalismo.

Só o xeneral Primo de Rivera, cabeza do golpe de Estado que en setembro de 1923 puxo fin a un réxime abofé ineficaz e podre de corrupción, foi quen de rematar co gassetismo, varrendo da escena pública os seus xefes madrileños e detendo alcaldes, secretarios, xuíces e outros funcionarios, asento do seu indiscutible dominio.

Con todo, a man militar non puido ou non quixo rematar co caciquismo, que de contado volvería agromar vigoroso polos concellos barbanzanos.