A Cachada, berce de enxeñeiros navais

BARBANZA

Os mozos traballaron arreo na confeccións das gamelas.
Os mozos traballaron arreo na confeccións das gamelas.

Os alumnos de segundo de secundaria elaboraron case vinte gamelas para expoñer en Cabo

29 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde que se coñeceu a noticia de que Cabo de Cruz era o lugar elixido para a celebración da duodécima edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, os promotores da iniciativa marcáronse como obxectivo principal involucrar a toda a sociedade co fin de facer da xuntanza unha gran festa de exaltación da cultura mariñeira. E semella que o están a conseguir. Un claro exemplo é o intenso traballo que se está a levar a cabo nas aulas do instituto A Cachada de Boiro, onde se veñen de finalizar case vinte pequenos barcos que formarán parte da exposición que o centro educativo terá instalada na localidade crucense entre o 9 e o 12 de xullo.

Os alumnos de segundo de ESO levan desde xaneiro traballando no deseño e na elaboración destas gamelas, a embarcación típica de Cabo de Cruz. Sete delas son medianas, achegándose ao metro de lonxitude, mentres que os resto son máis pequenas. Todas elas están agora expostas nas instalacións do centro educativo, pero cando arranque o encontro formarán parte dun espazo reservado para o instituto.

Pola vistosidade e polas moitas horas de traballo que encerra cada un destes barquiños, constituirán, seguro, un dos pratos fortes do expositor que terá o centro da Cachada, pero non será o único. Os alumnos están a preparar tres traballos audiovisuais relacionados co mundo do mar que se proxectarán de forma constante.

Iniciativas artísticas

No fervedoiro de ideas que é este instituto de Boiro tamén se prepara unha instalación que, segundo comentan desde o centro, dará moito que falar. Aínda que son uns carteis relacionados coa ciencia, o deporte e a saúde, estarán instalados sobre un orixinal soporte acuático e contarán con iluminación e cun toque audiovisual engadido. A maiores, ao longo do encontro, un grupo de estudantes realizará unha intervención artística criticando a contaminación e apelando polo respecto cara o mundo mariño.

Completa este intenso cartel de actividades que se están a levar a cabo no centro de ensino boirense unha exposición de fotografías de mulleres que traballan no mar. A mostra atópase nestes intres na cafetería do centro, pero tamén partirá a comezos de xullo rumbo á localidade de Cabo de Cruz.

Desde o instituto A Cachada destacaron o esforzo que están a realizar os alumnos en cuestións vinculadas ao Encontro de Embarcacións Tradicionais, asegurando que se trata dunha iniciativa que conseguiu enganchalos desde o primeiro momento.

Primeiro acto previo

Mentres, en Cabo de Cruz prepárase xa o primeiro acto vinculado coa xuntanza de xullo. Será o vindeiro venres e consistirá na proxección do traballo audiovisual Cabo-Terranova: Unha ollada desde o Argus. O acto contará coa presenza de Xurxo Souto, que dirixirá tamén un coloquio con varios mariñeiros convidados. Un baile de gala no centro social pechará a xornada.

PREPARATIVOS PARA O ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS tradicionais