Antón Castro proponse que os rianxeiros participen no goberno sen intermediarios

La Voz

BARBANZA

Castro cre prioritario que se constrúa un centro de día en Rianxo.
Castro cre prioritario que se constrúa un centro de día en Rianxo. millet< / span>

Ao candidato de Rianxo en Común preocúpalle o futuro laboral dos mozos 

22 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Castro concorre ás eleccións como cabeza de lista de Rianxo en Común, unha das mareas xurdidas en Galicia. A irrupción desta forza política chama a atención dos internautas, que a través de www.lavozdegalicia.es fixéronlle case vinte preguntas a Castro.

¿Como funcionan as asembleas de Rianxo en Común e como serán se chegan ao poder?

As asembleas sempre foron abertas e seguiran a selo despois das municipais, porque entendemos que a solución dos problemas colectivos é unha cuestión dos veciños na que deben participar sen intermediarios.

¿É posible mellorar a participación e a transparencia no Concello?

É fundamental mellorala e a verdade é que temos moita marxe de mellora. Para nós a participación e a transparencia son os aspectos centrais do que queremos que sexa o noso traballo político cos veciños.

¿Que futuro teñen os mozos na vila en canto ao emprego?

O emprego en xeral e o da mocidade en particular é un tema prioritario que está mal en todas partes. Pero precisamente porque o consideramos esencial dedicaremos os nosos esforzos a traballar sobre o mesmo, sabendo que as posibilidades do Concello son limitadas. As liñas son apuntalar o que hai, apoiar ao comercio local, incentivar e apoiar as ideas de empresa que xurdan, e fomentar a produción, transformación e comercialización de produtos ecolóxicos do mar e do agro.

¿Que ten pensado facer se está no goberno e a Xunta non fai o centro de día para maiores?

Non podo crer que sendo, como é, un equipamento prioritario alguén se negue a facelo, nin en Rianxo nin en Santiago. Se así fora trasladaría a cuestión aos veciños para que entre todos decidiramos o que facíamos.

¿Considera que o actual alcalde fixo os deberes nestes castro anos?

Acertou nalgunhas áreas, cultura, por exemplo, e errou noutras como participación e transparencia, pero tamén é verdade que non era un goberno só do BNG.