«O feísmo é unha constante en Galicia»

MANOLO MARIÑO

BARBANZA

O creador considera de vital importancia a arte no espazo público

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

De facer os seus propios xoguetes na carpintería familiar a compartir fragua con Martín Chirino, o escultor noiés Emilio Mariño é, por riba de todo, un artesán. Madeira e metal son os vimbios cos que tece un mundo propio que o sitúan como un importante referente da escultura conceptual. Nome habitual nos espazos expositivos da Barbanza e Galicia, Emilio Mariño reivindica a arte no espazo público como a mellor forma de enriquecer e humanizar o asfalto e, ao mesmo tempo, sensibilizar o espectador. Unha faceta da súa creación pola que precisamente acaba de recibir un premio en Cáceres. Inmerso na preparación dunha nova exposición para o mes de xuño no Círculo das Artes de Lugo, conversamos con el para saber que o segue estremecendo, como cando viu por primeira vez, de neno, as agullas da catedral de Burgos.

?Ves de gañar o segundo premio do primeiro Concurso Nacional de Escultura Estación del Ferrocarril de Logrosán, en Cáceres. Que mensaxe, que intención ten esta escultura? 

?En Logrosán acábase de realizar un proxecto de rehabilitación da antiga estación de ferrocarril e os seus arredores para a construción de vivendas, un centro de emprego e outro de promoción agrícola. Baseándome nisto, a escultura presentada a concurso titulada Porta da liberdade é unha porta aberta, como paso a un ámbito diferente, símbolo dunha nova etapa, unha porta ao futuro da bisbarra e, en definitiva, unha porta á liberdade.

?Cal cres que é a importancia da arte no espazo público?

?É de vital importancia. Principalmente, porque se achega a todo o mundo en calquera momento sen ter que depender de acceder aos museos, pasa a formar parte do noso día a día, interactúa cos transeúntes, mostra a capacidade creativa, fai reflexionar e dá a coñecer novas tendencias. Ao mesmo tempo revitaliza os espazos.

?Para ti, que impacto xera a arte urbana na cidade e nos seus habitantes?

?Á primeira vista, o máis inmediato é o de favorecer a estética, enriquecer e humanizar o gris e monótono asfalto; pero, á vez, interacciona directamente sobre o espectador que nunca queda impasible á súa presenza e a interpretar a súa mensaxe.

?Cres que a arte urbana está valorada en Galicia?

?Non. O feísmo é unha constante en Galicia, empezando pola mala conservación do patrimonio, horribles fachadas de edificios, numerosos espazos nus, parques desoladores, nefasta planificación urbanística? e pouco se fai para melloralo. Partindo disto, como se vai valorar unha manifestación artística? Hai que sensibilizar a sociedade. Aquí seguimos utilizando estereotipos. En concreto, en escultura o que predomina son bustos e arte figurativa, quedando relegada a un segundo plano a arte conceptual e abstracta.

?Cales cres que son as principais diferenzas entre deseñar unha obra, ou obras, para unha galería privada, e o espazo público?

?Para un espazo público hai máis liberdade na súa execución, priorizando a súa integración no ámbito. Ao magnificar as escalas, pódense facer deseños máis complexos. No caso de obras para unha galería, tes a limitación dos espazos reducidos das salas e a selección das obras adoitan ser supervisadas polo galerista.

?Que te faría máis feliz, a escultura pública ou expoñer nun museo?

?Quizais unha obra pública, porque chega a moita máis xente, aínda que o prestixio que dá ter obra en certos museos ao lado doutros artistas non é desdeñable.

?Que queda do Emilio rapaz?

?A ilusión por seguir aprendendo, a necesidade de buscar novos camiños, e o amor pola música e a escultura abstracta.

?Recordas o teu primeiro abraio, a túa primeira impresión ao plasmar, centrarte, baleirarte sobre unha madeira?

?Creo que o meu primeiro contacto coa arte foi aos 7 anos, cando descubrín nun libro unha foto das agullas da catedral de Burgos: tremín de emoción.

?Participaches en dous talleres Pablo Ruiz Picasso. Que aprendiches, en que te influenciaron?

?O taller con Martín Chirino foi esencialmente práctico. Aprendín moitísimo de composición escultórica e do traballo na fragua; ademais, comparto con el a espiral como recurso. Con Carlos León o taller foi máis teórico: con el inicieime na mestura de cores.

Os dous son persoas incríbeis. Ambos os dous enfundáronse o mono de traballo e puxéronse na fragua,e a pintar con nós.

?Que exposición ou exposicións tes previstas?

?No próximo mes de xuño visito o casco histórico de Lugo, e expoñerei no Círculo das Artes. Desta vez acudirei cunha serie de obras de ferro forxado. Unha gran exposición, xa que o espazo a ocupar é de dimensións considerables, e aproveitarei para afanarme nun evento tan importante para min.