A Senra

ROCÍO DOURADO

BARBANZA

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O topónimo A Senra, núcleo habitado da parroquia de Taragoña (Rianxo) e de cadansúa terra en Louro (Muros) e Xuño (Porto do Son), na súa forma plural, nome de terras en Tal e Abelleira (Muros) e Xuño e San Pedro de Muro (Porto do Son), está relacionado para Joan Coromines cunha voz de etimoloxía céltica en que se recoñecen a raíz ar ?arar? e o prefixo sen-, que indicaría separación. O resultado é unha forma *sen?ara en que se produciu a síncopa da vogal postónica medieval (*sénara > senra). Existe con todo outra alternativa constatada en territorio galego como é a caída do -n- intervocálico, co posterior desprazamento acentual (*séara > seara). O significado orixinal de senra, segundo Álvarez Maurín, sería o de «campo que se labra á parte», e na época medieval aludiría ao servizo ofrecido polos aldeáns aos seus señores, cultivando campos dos que estes eran propietarios, significado que evolucionaría até «porción de terra sementada, gañada ou non ao monte, onde os veciños poden posuír leiras», dependendo da zona.