Noia na fronteira da Idade Moderna

XERARDO AGRAFOXO

BARBANZA

A vila ocupaba o décimo lugar entre as cidades de Galicia por poboación en 1557

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois da viaxe dos Reis Católicos a Galicia, Noia sairá das limitacións e perigos baixomedievais para precipitarse nos tempos modernos. Un período onde esmorece o poderío da nobreza e os concellos gañan máis seguridade. Aínda que non todas as medidas do Estado Moderno resultarían positivas, en Noia comeza a apreciarse unha nova conxuntura económica. Os gremios reforzaron as ordenanzas e as súas actividades adquiriron máis pulo. A sardiña e o polbo empregáronse como produtos de exportación, o comercio das ostras e de congros medrou, e grandes navíos andaban pola ría. A vida social animouse, medraron os contratos, e o concello acadou maior importancia.

Pola competencia comercial, os prezos oscilaban e o viño vendíase en Noia durante todo o ano, agás nos últimos meses «en que el Arzobispo de Santiago podía ejercer sus derechos sobre el estanco del vino, privilegio por el cual solamente se permitía vender vino de las bodegas del Arzobispo».

Polos datos da Poboación do Reino de Galicia de 1557, Noia ocupaba nesta época o décimo lugar entre as cidades de Galicia. Con 414 veciños, só se atopan por enriba dela Pontevedra (1.495), Santiago (1.076), Ourense (1.058), Vigo (1.005), Baiona (915), Tui (761), Redondela (604) e A Coruña (593).

No ano 1571, como consecuencia da sublevación das Alpuxarras (1468-1570) e a expulsión dos mouriscos, a Audiencia Real do Reino de Galicia envioulle a Filipe II algúns datos sobre Noia: «A vila de Noia puerto de mar, hay una parroquia y población de quinientos vecinos con sus arrabaldes, señoría del arçobispado. Hay oficios pedreros, carpinteros, plateros, zapateros y tratantes. Cógese vino, hay derredor trigo, centeno y mijo y vino ullán. Hay arredor della quince iglesias de parroquianos cuatrocientos».

O estudo destas fontes demográficas permite apreciar un aumento da poboación de Noia durante esta segunda parte do século XVI. Segundo os traballos de Ruíz Almansa (1948), esta incidencia demográfica obedeceu: ao ambiente de paz e seguridade existente no territorio galego, á importancia das actividades industriais, á intensificación da produción agrícola e ao pulo das actividades artesanais e comerciais.

Polos datos da Poboación do Reino de Galicia de 1594 (Arquivo de Simancas) a vila de Noia e os seus anexos contaba con 461 veciños nesta época. Dende o censo de 1571, o concello perdera efectivos demográficos: En 1557, tiña 414 veciños; no 1571, 500; e en 1594, sumaba 461.

A descrición que do Arciprestado de Posmarcos realiza o Cardeal Jerónimo del Hoyo (1607-1610) indica que, a partir do século XVII, a poboación de Noia comezou a recuperarse. Segundo esta fonte histórica, San Martiño tiña 400 fregueses, o Obre 100, Boa 14, Argalo 40, Santa María de Roo 40, e Santa Cristina 50.

Froito das novas circunstancias políticas e económicas que conducirán á expansión atlántica do Reino de Castela, varios veciños de Noia participarán nos descubrimentos xeográficos da Idade Moderna.

Na segunda parte do século XV, Noia experimenta un aumento de poboación, coincidindo coa estabilidade que reinaba en Galicia