Memoria con arrecendo a tulipáns

ENCARNA PEGO

BARBANZA

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Conservo a postal coa bitola -ao levantala recendía a flores-, algunha carta, e o olor a winston cando viñas. Con vinte e poucos anos saíches a comer o mundo coa maleta chea de ilusións cara a Rotterdam. Aquí deixabas muller e fillos, e o oficio que non aseguraba unha casa, nin o futuro que querías para os teus. A máis forte labazada: a volta ao lar logo dun ano, e as fillas non te coñecen.

Aprendiches algo de inglés, e holandés. En Dakar e Freetown libraches das enfermidades. Levaches carga xeral a Centroamérica, e na Arxentina gozaches da tenreira asada, ao punto e abondosa. E padeciches a calor do Pérsico nos petroleiros.

Por ti coñecemos o xogo das esclusas do Canal de Panamá -cando pasabas rumbo ás Filipinas-, e soubemos do enorme transatlántico turístico, con ruta regular Amsterdam-Irlanda-N. York, que no inverno facía cruceiro polo Caribe, e visita ao casino en Fort-de-France.

A obsesión era ter boas novas da casa e que os fillos adiantasen na escola. Da memoria non che saía túa nai adolescente picando pedra nas estradas, ou camiñando ata Santa Comba á procura do millo de estraperlo. Túas cuñadas na conserva. Non, non querías esa vida para as fillas. Así, pintabas subido aos paus ou, colgado na guindola, os costados do barco.

Espero que vexas compensado o esforzo, e que goces agora dos netos e bisnetos.