O demo e o mar

Yael Sampedro Davila

BARBANZA

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Sinto a calor da area nos meus pés. É unha calor morna, o que me dá unha sensación de calma e benestar.

Non se escoita un ruído. Todo está en silencio, e nin as ondas do mar se atreven a rompelo.

Camiñando pola area esquécenseme todos os problemas e tranquilízame mirar ese mar tan calmo que non fai ruído ningún.

Ao fondo do areal podo ver una bandada de gaivotas. Están caladas e permanecen quietas mirando cara ao mar, o que fai que eu tamén o mire.

O ceo tínguese de vermello e o sol case nin se ve.

Miro para o outro lado e, no linde da area, podo ver uns restos de lixo acumulado polo vento, que chama a miña atención. Son unhas caixas rotas, restos de redes, e uns guantes.

Véñenme á cabeza cousas moi raras. Dou en pensar que puido ocorrer para que iso chegase así á beira do areal.

Unha das gaivotas levanta o voo e detrás dela van todas. Quedo soa nesa praia, tinguida dun ceo vermello, pensando nestes restos de refugallos que acabo de ver.

Penso que son dalgún pesqueiro que as perdeu estando a faenar pero... Perderíaas neste mar? Imposible. Está coma un prato, tranquilo e inmóbil.

Pero é que o mar ten un demo que vive dentro del que, cando esperta, faino de malas maneiras. Roxe enfurecido e arrastra todo canto está ao seu alcance. Non importa se son restos de lixo, se son barcos, ou mesmo persoas.. A el dálle igual.

Nunca se lle acaban as súas ganas de matar. Non o conmove nada, nin sequera as bágoas da xente que deixa orfa ou viúva. Nada o fai parar.

Por iso debemos ser nós os prudentes, e se vemos que o demo está enfadado, non achegarnos a el, porque levantará as ondas o que faga falta para podernos atrapar. Aínda que, claro, nas súas facetas está a de enganar. Pon a súa mellor cara, pero despois... Zas!

Sinto nos pés que a area xa non está morna. Sinto a súa friaxe na pel. E a marea xa me bota do areal.

A noite vense encima, cubrindo co seu negro presaxio o demo e o mar.

Yael Sampedro Davila

Ten 16 anos, é alumna no IES Espiñeira de Boiro, onde cursa cuarto da ESO.