Amor pola palabra

XABIER LÓPEZ MARQUÉS

BARBANZA

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacido en 1959 en Ribeira, Xabier López Marqués é un dos poetas importantes da nosa bisbarra. Comezou a súa carreira literaria en galego con Polos mares das améndoas (2000) para continuar cunha poesía máis depurada en cada título, menos directa, de gran preocupación pola palabra, en obras como Das paisaxes esquecidas, Tránsitos (2005), A lúa nun ichó (2007), Caderno de Ponza (2010) ou Chafariz (2013). Profesor de ensino medio, licenciado en Filoloxía Hispánica con La poesía última de Borges, e doutorouse con La poesía estridentista mexicana, en 1995, na que estuda o movemento de vangarda fundado por Maples Arce e presente nas letras mexicanas entre 1921 e 1927. Poeta tamén en castelán nos comezos da súa obra, nesa lingua publicou Destellos (1980) e Entonces aún era mañana, pero é tamén importante tradutor e puxo en galego, por vez primeira, a Francis Ponge e o seu Caderno do piñeiral no anuario Barbantia, no ano 2005. Colaborador de A Voz de Barbantia e doutros xornais como El Ideal Gallego, autor de relatos como Gurugú, editado en 2006 no volume colectivo Voces na guerra, participou noutras obras como Voces na materia (2006), Luces na cidade (2006), Vida do Cabo Corrubedo, Cabo da vida (2008) ou As voces da Musa (2009). É, xa que logo, a súa, unha poética de gran perfección formal, de respecto rigoroso pola dicción, de verdadeiro amor ás palabras. Unha poesía que foi medrando en calidade de título en título, configurando unha das voces máis interesantes na poesía última.