«Do que máis satisfeita me sinto é de conseguir eliminar privilexios»

J. M. Sande

BARBANZA

Caridad González indica que o goberno conseguiu neste mandato reducir a débeda municipal e pagar aos provedores<span lang= es-es >. </span>
Caridad González indica que o goberno conseguiu neste mandato reducir a débeda municipal e pagar aos provedores. marcos creo< / span>

Caridad González di que loitou garantir que desde o Concello se tratara por igual a tódolos veciños

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A candidata do PSOE en Muros, Caridad González Cerviño, afronta a inminente cita electoral coa mesma ilusión que fai catro anos, pero con máis experiencia na xestión, un coñecemento exacto da realidade económica e social do municipio e o ideario preciso para conseguir que Muros esperte do letargo polo que está a atravesar.

Asegura que para gobernar un pobo fan falla unha serie de condicións, entre as que destaca un gran interese por dedicarse aos problemas veciñais, capacidade para afrontalos, talante para acadar acordos, adaptación á realidade e saber antepoñer os asuntos dos demais aos intereses propios. Ademais, síntese plenamente arroupada por un gran equipo de compañeiros e o apoio incondicional da dirección do PSdeG.

-¿Como discorreu o mandato?

-Atopámonos cunha situación económica moito peor do imaxinado, con problemas no persoal ao servizo do Concello, con diversos conflitos e demandas sen solucionar, e co resultado dunha xestión nefasta anterior. A iso uníronse a restrición económica imposta dende Madrid e a redución nas axudas institucionais para atender os servizos públicos.

-¿Considera satisfactorio para os muradáns o labor feito?

-Penso que si, aínda que nunca se está plenamente satisfeito. Nunha situación de crise como a actual non é doado atender tódalas necesidades e, ademais, atopar as solucións precisas para cada deficiencia.

-¿Cales destacaría como os principais logros?

-Minoramos a débeda e pagamos aos provedores, modificouse o convenio dalgúns traballadores, resolveuse o conflito do edificio Sertaches, abríronse o centro de día e a casa de acollida, ampliouse a atención domiciliaria, púxose en servizo a depuradora de Esteiro e conseguimos unha gardería, melloramos tódalas instalacións deportivas e creamos unha pista de pádel. Tamén conseguimos o GES, fíxose un gran esforzo na promoción turística e no desenrolo do polígono industrial, así como na adaptación do PXOM e a súa aplicación práctica, e renovouse todo o parque móbil. Con ser importantes todas esas melloras, do que máis satisfeita me sinto é de conseguir eliminar privilexios. Sempre procurei que dende o Concello se dispensase un trato igualitario. Intentamos dar unha resposta aos problemas e aspiracións veciñais. Procuramos que cada veciño atope na casa consistorial un lugar onde sempre son atendidos e, dentro do posible, se lles dan solucións.

-¿E os problemas que con maior frecuencia lle formularon os muradáns?

-Os máis recorrentes e difíciles de resolver foron os relacionados coa escaseza de emprego. Os concellos pouco poden facer nese terreo pero, pese a iso, tratouse de axudar nas situacións de maior alarma social. Tamén colaboramos decididamente con tódolos emprendedores facilitándolles a inserción industrial e realizáronse tarefas formativas, pero non contamos con axudas institucionais, pois pese a demandar, en catro ocasións, obradoiros de emprego, nunca se lograron.

-¿Foi difícil gobernar en minoría ou logrou os apoios precisos dos restantes grupos para acadar os obxectivos propostos?

-Non é fácil presidir unha corporación como a que tivemos durante este mandato municipal. No caso do Partido Popular, os asuntos privados dos seus membros sempre marcaron as súas decisións, aínda que algunha vez logramos consensuar con eles temas de interese xeral para os cidadáns do municipio. Non foi así cos edís do BNG, que despois de ser expulsados dese grupo político, emprenderon unha deriva obstrucionista que lles levou a opoñerse sempre a calquera mellora proposta, como aconteceu, entre outras accións, coa escola infantil de Esteiro, ou coa reposición da cuberta da piscina municipal, unha obra que está en fase de execución neste momento e que permitirá acabar coas humidades que afectan ao recinto que, por certo, ten un elevado número de usuarios.

Caridad González Cerviño candidata do psoe alcaldía de muros

la carrera hacia el 24-m

«Comprométome a continuar democratizando a xestión administrativa»

A candidata á alcaldía de Muros polo partido socialista considérase unha fervente defensora da xuventude, da súa formación, da atención ao seu ocio e tamén da práctica deportiva. Ben directamente dende o Concello ou colaborando coas entidades e asociacións existentes estase desenvolvendo en Muros un amplo programa de actividades, que, segundo cree, cumpren as expectativas da poboación.

-¿En que se fundamentou o apoio á mocidade e ao deporte?

-Melloráronse tódalas instalacións deportivas do municipio, sendo a derradeira actuación a dotación de herba artificial ao campo de fútbol de Louro. Tamén se fixo unha ampla oferta deportiva na piscina, que está a ter unha grandísima acollida. Entregáronse unhas instalacións dignas en Sel ao Club de Remo muradán e subscribiuse un convenio co de Esteiro. Tamén se axuda con cartos e material a tódolos clubs do concello e colabórase en cantas actividades se promoven neste eido. O Concello de Muros tamén é parte esencial na celebración do Castelo Rock, nas carrilanas, no certame Muros Mira ao Mar, e en tódolos acontecementos culturais, festivos ou tradicionais.

-¿Cales serán os eixos do seu programa electoral?

-Temos que rematar o saneamento integral, co que mellorará tamén a calidade das augas e o marisqueo, modificarase o PXOM para facelo máis funcional, corrixindo erros e facéndoo máis xusto e igualitario para todos, potenciaremos o parque empresarial, co que se mellorará o emprego, seguiremos soterrando os contedores en toda a vila para favorecer a estética da mesma, seguiremos mellorando a economía do Concello, farase unha aposta firme polo sector turístico, axudarase aos emprendedores, crearase unha escola náutico-deportiva, e dedicarase un gran esforzo na axuda aos sectores máis desfavorecidos e marxinados, cunha atención especial as persoas maiores. Pero por enriba de actuacións, obras ou axudas directas, ao que si me comprometo é a seguir democratizando a xestión administrativa no Concello, achegando aínda máis o labor municipal aos cidadáns.

-Outro dos eixos do seu goberno foi o turismo.

-Efectivamente, e queremos continuar neste camiño, potenciando Muros en tódolos foros destacados.