«A cultura é o que prima no Liceo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Blanco Abeijón programa parte das exposicións que recalan no Liceo, onde pasa boa parte do seu tempo libre.<span lang= es-es > </span>
Blanco Abeijón programa parte das exposicións que recalan no Liceo, onde pasa boa parte do seu tempo libre. marcos creo< / span>

Pola cantidade e variedade de propostas, sitúa a entidade coma o gran revulsivo de Noia

18 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Liceo noiés é un dos epicentros culturais e sociais da comarca. A entidade que aglutina a máis de tres mil persoas organiza un intenso e variado cartel de actividades no que José Blanco Abeijón ten moito que dicir. Xunto co artista Alfonso Costa, é o encargado de programar as coleccións que lle dan vida á sala Francisco Creo, un dos espazos expositivos máis destacados da comarca, tanto polo número de creadores ao que dá cabida como polo seu amplísimo horario de apertura.

A sede da sociedade, na que tanto tempo libre pasa, é o recuncho preferido de Pepe Blanco. Asegura que alí ten ocasión de gozar da arte, unha afección que lle ven de pequeno: «Sempre me gustou pintar, e foi cando fixen bacharelato cando acabei de engancharme. Aínda que estudei enfermería, ata COU decanteime pola rama de letras puras». Pero foi da man dun dos mestres do gravado en Barbanza, Alfonso Costa, como se mergullou no eido dos lenzos e a tinta: «Empecei sendo alumno del no obradoiro que imparte no Liceo e alí sigo».

Sinala que a súa especialidade é o monotipo e, aínda que chegou a gañar o premio Claro Oscuro de Gravado que concedía a sociedade noiesa, prefire de momento manterse nun segundo plano: «Si que me gustaría dar o salto e o propio Alfonso Costa me anima a que monte unha exposición coas miñas obras, pero polo de agora non me atrevín. Prefiro perfeccionar a técnica e ir evolucionando».

Da man do seu mestre de gravado converteuse tamén en coordinador de boa parte das exposicións que pasan pola sala Francisco Creo do Liceo noiés: «O movemento deste espazo é importante e Alfonso Costa non daba feito. Pediume axuda e vai facer catro anos que colaboro con el. Ao seu lado un medra, pois é unha aprendizaxe continua».

A sala número un

José Blanco sinala que non é complicado conseguir artistas que queiran amosar os seus traballos nas instalacións da sociedade noiesa, ao contrario: «Diríxese moita xente a nós, pero eu prefiro primar aos veciños de Barbanza e aos creadores noveis, aínda que tamén se fai unha selección de artistas consolidados. A calidade das obras é para min o criterio número un». Asegura que o horario do espazo expositivo do Liceo é a súa mellor carta de presentación: «A sala está aberta desde as dez da mañá ata a media noite os 365 días do ano. Non hai ningunha sala en Galicia que reúna estes requisitos».

Esta flexibilidade horario repercute directamente na afluencia de visitantes: «Cando máis se percibe é os fin de semana». É tamén ese o período no que a entidade programa o seu maior número de actividades, un intenso e variado cóctel que, para José Blanco, converte á sociedade no gran revulsivo da vila: «A cultura é o que prima no Liceo, pois esta sociedade sempre foi moito máis que unha cafetería. De feito, penso que a este nivel, está por riba do Concello».

Traballo desinteresado

Como tantos outros noieses, Blanco Abeijón está vinculado á sociedade desde que era pequeno. Quizais por iso, o traballo que fai contactando cos artistas, deseñando os catálogos das exposicións e preparando os actos de inauguración prodúcelle unha satisfacción persoal que é recompensa suficiente para seguir na mesma liña: «Gústame o que fago e para min iso é suficiente, no aspiro a máis».

Como noiés e como persoa vinculada ao eido da cultura, José Blanco está obrigado a tratar o tema de actualidade na vila, a existencia de dúas propostas para as Letras Galegas: «Son dous candidatos potentes e os dous se merecen dito recoñecemento». Está convencido de que esta é, en xeral, a postura dos veciños: «A existencia de dúas peticións non dividiu para nada á sociedade noiesa, Fabeiro e Agrelo teñen o apoio de Noia por igual».