A memoria de Juan Lampón sobrevive nas novas xeracións

BARBANZA

José Riveiro mostra unha imaxe antiga con Juan Lampón
José Riveiro mostra unha imaxe antiga con Juan Lampón c. q.< / span>

Os gañadores do décimo certame de becas demostraron unha carreira académica e deportiva digna da figura do homenaxeado

18 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Era a final da Copa Deputación do ano 1986 cando Juan Lampón fixo seu discurso. No partido de ida, o equipo no que xogaba, o Hockey Club Pobra, sufrira unha dura derrota por tres a dous, e iso que ao conxunto contrario faltábanlle por lesión dous dos seus mellores homes. A volta xogábase en Pobra, pero o vestiario era un deserto, os rapaces non crían na vitoria e a charla do adestrador non axudou a levantar os ánimos. Nese momento levantouse Juan e comezou o seu discurso. «Non son máis ca nós, ¿acaso xogan con dous sticks en cada man?». O Hockey Club Pobra gañou o encontro por oito a cero, alzando así o trofeo de campións. A vitoria quedábase na casa.

Esta foi a historia que José Riveiro, compañeiro de equipo de Lampón, contou onte ante un auditorio abarrotado no instituto da Pobra. Arrancou cun «Veño a explicarvos quen era Juan» e seguiu con esta historia que deixou ao público enmudecido. Para Riveiro: «Personificaba os valores do compañeirismo e esforzo, eses principios tédelos que defender e ter en conta durante a vosa vida».

No décimo certame das bolsas Juan Lampón, destinadas a mozos do Barbanza con brillantes traxectorias académicas e deportivas, os agraciados foron 5 rapazas e 1 un rapaz, que se levaron 250 euros destinados a material escolar. O director do centro, Xosé Maneiro, felicitou aos agraciados: «Cada vez é máis complicado elixir aos gañadores, este ano había uns expedientes altísimos, con varios campións europeos»

O legado continúa

Os vencedores do certame: María Roo, Ana Dosil, Brais Miranda, María Villamayor, Laura Pardo e María Rebollido, demostraron que o espírito de Juan Lampón permanece moi vivo nesta nova xeración de rapaces. Se seguen o exemplo que deixou Juan Lampón, o futuro para todos está garantido.