Museo do Mar de Noia

Agustín Agra

BARBANZA

Pedro Garcia Losada

27 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alén de atender á colección de cunchas e ás maquetas dos barcos, ao meu fillo gústalle enredar coa roda do leme e a bomba de achique que o Museo do Mar de Noia ten á disposición dos nenos. Antón é neto de xefe de máquinas e bisneto de patrón de pesca. Que familia da contorna non conta cunha historia semellante: unha nai ou unha avoa mariscadora; un pai, un tío, un irmán contramestre? Porén, nas nosas casas, máis alá dos tataravós, a memoria da familia dilúese no esquecemento.

Malia que hogano, co enlamado progresivo do fondo da ría, os barcos ancorados no peirao do marqués desapareceron das nosas retinas, seica a vila de Noia foi porto principal de Galiza por volta do século XVI. Como pobo, somos froito dese mar que se abre ao mundo máis alá das puntas de Testal e Abruñeiras. Daquela, por que ese universo mariño, tan próximo e omnipresente, resulta tan descoñecido para a mor parte de nós? 

O obxectivo do Museo do Mar de Noia é ambicioso. Máis alá do traballo dos seus promotores a prol de conservar, recuperar, divulgar e dignificar o noso patrimonio, está a loita contra o devalar da memoria e o esquecemento, o empeño por axudarnos a comprender quen somos e de onde vimos, por recuperar unha parte do noso ADN: aqueles xenes nos que está escrita a nosa historia marítima.

Actividade continua

Dende a fundación da Asociación Mar de Noia no ano 2004, a programación de actos e actividades (mostras, exposicións, talleres...) é continua; o número de visitantes a día de hoxe pódese contar en moitos milleiros. Mais o museo ?após ímprobos esforzos? non conseguiu abrir as súas portas ata maio do 2011.

O local encóntrase na antiga Praza de Abastos, a carón da desaparecida Porta dos Cabaliños da muralla medieval; unha única sala sen dividir á que se lle deu forma de navío. Nas súas diferentes seccións reprodúcense o catre dun contramestre; unha ponte de mando cos seus equipos electrónicos; danse a coñecer os motores Ayón e O´Forte, deseñados e construídos en Noia; amósanse exemplares de animais mariños; exhíbense ferramentas dunha carpintaría de ribeira; tamén libros náuticos, dende novelas e diarios de navegación ata manuais técnicos e outra documentación diversa; aparellos de pesca e marisqueo; maquetas, fotografías... Rescátase, en definitiva, a memoria do oficio do mar; resucítanse, como nos poemas de Avilés, os sons que os carpinteiros lle arrincaban á madeira e o do vento nordés inflamando as velas dos pailebotes. 

Máis dun cento de colaboradores, cadaquén cos seus coñecementos ou experiencia, arriman o ombreiro para conseguir levar o proxecto a bo porto. O traballo feito é grande, o por facer maior aínda.

A iniciativa acolle cos brazos abertos a calquera que desexe contribuír coa súa axuda; para enrolarse como novo tripulante tan só é preciso cumprimentar a correspondente solicitude de embarque.

Na ponte de mando, guiando a nave a pé firme, atópase Félix: mariñeiro, patrón, capitán..., alma máter, todo el vitalidade e entusiasmo, encargado de abrir os xoves e domingos e, asemade, de guiar as visitas tanto individuais como de grupos ?baixo petición? por este recuncho da nosa memoria: o Museo do Mar.