Manifestacións católicas contra o goberno liberal de Canalejas

Antón R. Gallardo

BARBANZA

Boiro e Noia viviron dúas das protestas máis concorridas de Galicia

27 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Liberal e católico practicante, José Canalejas, presidente do Goberno dende febreiro de 1910, defendía a independencia do Estado ante a Igrexa, avogando por un sistema laico, liberal e moderno a semellanza das democracias máis evolucionadas e oposto ao estado confesional vixente. Considerando imprescindible  limitar a influencia clerical na sociedade buscou reducir o número de congregacións relixiosas. Con tal fin e mentres non se aprobara unha nova lei de asociacións, promoveu a Ley del Candado, que prohibía o establecemento de novas institucións sen a autorización previa do goberno. Esta e outras medidas do programa do partido liberal, como a liberdade de conciencia e de culto, autorizando as confesións non católicas a exhibir os seus símbolos, toparon coa frontal oposición do episcopado español, que buscará neutralizalas a través da presión social. Neste contexto enmárcanse as mobilizacións que o 2 de outubro de 1910 se celebraron por toda a xeografía española, con especial repercusión nas áreas rurais.

Prensa católica

A dicir da prensa católica, as protestas de Boiro e Noia, a onde acudiron oradores de Compostela,  un dos centros neurálxicos da rebeldía, foron das máis concorridas de Galicia. Quizais fose así polo desexo dos propagandistas católicos de afirmárense nun contorno dominado polo caciquismo liberal, e onde o protestantismo, asentado en Ribeira dende finais do século XIX, comezaba a propagarse pola bisbarra.

Segundo a prensa, o mitin boirense, baixo o empuxe do coadxutor Eugenio Armental, congregou no campo de Barraña a varios miles de persoas de todas as parroquias de Boiro e A Pobra, das de Palmeira e Taragoña, e contou con escritos de adhesión doutras parroquias de Ribeira e Porto do Son.

Tras o acto enviáronse telegramas ao secretario de estado vaticano, ofrecendo o apoio ao Papa e protestando da orientación da política española; e aos representantes do distrito nas Cortes e no Senado, solicitando a súa oposición aos proxectos contrarios á relixión católica.

Pola súa parte, ao mitin de Noia asistiron seica unhas 8.000 persoas, tanto daquela vila como de Porto do Son e Lousame, que, tras a negativa do goberno local a cederlle a Alameda, se xuntaron na praza das Angustias. O comité organizador, presidido por José García Riva, amosou o seu malestar coas autoridades noiesas, denunciando os atrancos postos á celebración do mitin e a ausencia das forzas da orde ante os intentos de boicot dun grupo de «canalejistas». A prensa dá noticia tamén dos actos de Rianxo, dun cariz máis relixioso e local, pero igualmente reivindicativos a favor da relixión, o Papa, o Rei e a España católica. 

Táctica obstrucionista

A oposición ás medidas do presidente Canalejas por parte dos clericais non rematou nos actos do 2 de outubro, senón que continuou cunha táctica obstrucionista nas Cortes e unha descarnada campaña na prensa afín.

A Asemblea Rexional Católica de Santiago do mes de novembro marcará as pautas a seguir polos católicos galegos para contrarrestar a influencia liberal na política española ou, como alí se dixo, para acometer a empresa de salvar os intereses da relixión e da Patria.  Semella que as medidas foron efectivas pois, pasados dous anos, a Lei de Asociacións non se aprobou, polo que, como quedara establecido, a Ley del Candado quedará sen efecto.

O asasinato de José Canalejas o 12 de novembro de 1912 a mans dun anarquista suporía o freo á política laicista do goberno, así como o intento de rexeneración desde dentro do sistema político da Restauración. O achegamento de España ás democracias máis evolucionadas tería que agardar.