O corpo trenzado da linguaxe

Román Arén

BARBANZA

27 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa publicación de Crac ficou claro que nacía unha voz nova, prometedora, na poesía galega, a voz de Gonzalo Hermo, de Taragoña. Unha voz máis alá da saudade e da esperanza oca, unha voz múltiple, dialóxica, na que a metáfora do propio corpo é transposición de toda meditación, camiño de futuro, lugar do canto, das palabras, que son carne alén da morriña, consciencia para esquecer e camiñar contemplando o mundo de novo. Agora Celebración, da nova editorial Apiario, véno a  confirmar. Non hai quietismo, mera contemplación, a morte sen temor, epicureísmo duro e gozoso, esquezo cordial para ser. E linguaxe vencellada ao corpo, ao sangue, sempre para camiñar. Porque o eu/eus dialogan tamén coa obra anterior: «No teu libro eu son / un rapaz servil que limpa a casa», escríbese en Despois de Crac. Porque «hai frío, ás veces, na escritura. / Algún momento de pericia onde os números cadran / cando el e eu esvaecemos / ao paso do / poema. / Como un alarido / ou un transo...». E despois do crac, ir «contra a saudade», «a escrita é un único presente / que camiña / polo río ao través...», mais o río «non vacila, pero lembra». Pero, da frialdade, á esperanza: «Non había luz na espesura do bosque. / Pero de pronto / puidemos ver. / Viamos». Confirmación, pois, dun poeta xa significativo, voz de futuro, que dialoga con outras voces (Gamoneda, Derrida, Lopo, Chus Pato, E. Velasco). Unha voz non lonxe doutras (penso en Carlos Callón), que falan co corpo e liberan o eu a través da carne. Porque «o ollo entregado dun home que fun / soubo dos nomes do mundo que negan a carne».