Eleccións

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

17 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Para a veciñanza non sempre é doado valorar se no seu concello hai un bo, regular ou mal goberno. Todo depende das aspiracións que cada quen espera para o seu pobo ou dos intereses que, individual ou colectivamente, se teñan. Se fixeramos unha detida análise das ofertas electorais nos derradeiros lustros en calquera dos nosos consistorios poderiamos comprobar que, malia das siglas baixo as que se presentan, na realidade non existen diferenzas de goberno substanciais entre os que din ser de esquerdas, de dereitas ou de polo medio. Que se o arranxo desta ou daquela corredoira, uns puntos de alumeado, aquelas perigosas fochas ou o empedrado das rúas e, por suposto, as festas patronais.

Tamén, tentando ser enxeñosos, moitos candidatos prometen actuacións que, por pintorescas, xa non sabes se vives no noroeste galaico ou nalgún exótico país, esquecéndose de falar das cousas máis básicas e sinxelas que decote forman parte da calidade de vida das persoas, como que haxa unha boa sinal de radio, televisión e telefonía en cada curruncho, impulsar a competencia nos abastecementos da poboación e vixiar que non haxa trampa nas pesas e medidas e, xa non digamos, acadar que a cada fogar, industria ou comercio chegue a banda ancha, antepoñendo un desmesurado afán recadatorio ao beneficio social que as novas tecnoloxías representan.

Nos mitins tampouco se fala moito de atender aos máis desfavorecidos a través das políticas fiscais -¡como para falar de impostos!- e nos programas nunca figurará, loxicamente, que se contratarán radares para garantir a seguridade viaria ou que se sancionará con severas multas económicas o incumprimento das máis elementais normas de urbanidade. Non, esas cuestións non venden. Demasiados problemas teñen os votantes como para engadirlle máis preocupacións.

¿E da xestión económica e financeira? Depende de se o candidato é recuncante ou aspirante. O que nunca faltan son os chascarrillos para poñer unha nota de humor, que quizais sexa o único positivo das eleccións. ¡Co que custan as campañas electorais!.