Rianxo aproveita a homenaxe a Castelao para reclamar a apertura da súa casa

RIANXO

Adolfo Muíños pediu a implicación de todas as Administracións para que a vivenda sexa un referente cultural

01 feb 2015 . Actualizado a las 13:03 h.

Non é que deixara aparcada a loita, pero onte, con motivo dunha nova homenaxe a Castelao, en Rianxo volveu a poñerse de manifesto a necesidade de que a casa do literato pase a ser de titularidade pública e poida abrir as súas portas á cidadanía. Foi o alcalde, Adolfo Muíños, o que lle puxo voz a unha reclamación que está en cada recuncho da vila: «É necesaria a implicación de todas as Administracións para que ese inmoble sexa centro de referencia no país, como é a casa de Rosalía de Castro».

O rexedor rianxeiro fixo estas declaracións xusto despois de colocar, coa axuda de Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, unha coroa de flores diante do busto do galeguista que se atopa no paseo da Ribeira. Alí, coa silueta do autor de Sempre en Galiza como escenario, Muíños fixo fincapé na relevancia que, para o conxunto dos galegos, debe ter e ten o escritor de Rianxo: «Alguén ten que botarnos unha man, non poden deixar ao Concello só nesta importante misión».

Trala homenaxe na zona portuaria, parte dos presentes reuníronse no auditorio, onde tivo lugar unha reunión da fundación. Tamén alí se tratou un importante tema relacionado coa pegada de Castelao en Rianxo, a apertura do seu centro de estudos, un proxecto do que se ven falando desde hai máis dun ano e non acaba de materializarse.

 

 

Empurrón ao centro de estudos

 

Onte tomouse un acordo que podería darlle o empurrón definitivo a este centro para o que xa existe local, no Cuartel Vello, pero para o que falta persoal que organice e dixitalice os fondos achegados pola fundación. O obxectivo é convocar unha reunión para animar aos veciños a formar parte desta entidade que se encarga de promover o legado do escritor. Dese encontro espérase que saia tamén un grupo de persoas que se queiran implicar na posta en marcha do centro de estudos Castelao.

«Do que se trata é de que a xente de Rianxo se implique máis, tanto na fundación en xeral como neste proxecto en particular. Logo, cando as circunstancias económicas o permitan, a idea é que un bolseiro se encargue de dinamizar o centro», explicou Adolfo Muíños.

A fundación xa trasladou a este local cedido polo Concello de Rianxo gran cantidade de material, que un funcionario está catalogando, aínda que de forma moi lenta. O obxectivo é acelerar este traballo para que o centro, dedicado sobre todo a investigadores e estudosos de Castelao, abra as portas canto antes.