O legado do literato segue vivo no humor gráfico galego

moncho ares ribeira / la voz< / span>

VIGO CIUDAD

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O humor gráfico nos xornais galegos non está sendo alleo á crise, pero os diarios seguen a ter unha nómina de grandes debuxantes que dan á información do día un punto de vista máis amable e simpático. Castelao foi o precursor deste tipo de xornalismo, de feito, a súa pegada aínda se aprecia hoxe na prensa do país; é máis, moitas das viñetas que publicou o rianxeiro no seu tempo ben podían ilustrar a actualidade.

Co fin de analizar a influencia de Castealo no humor gráfico galego e repasar as impresións do colectivo, xuntáronse en Rianxo os debuxantes David Pintor, Pinto, que xunto con Carlos López, Chinto, son os debuxantes de cabeceira de La Voz de Galicia, no que firman co pseudónimo Pinto e Chinto. Acudiu tamén Luís Davila, humorista gráfico de Faro de Vigo, cuxas viñetas levan o epígrafe O Bichero; e Xosé Lois González, O Carrabouxo, que publica os seus chistes en La Región de Ourense.

Os tres interviñeron nun debate incluído nos actos Castelao, que contou coa colaboración da Asociación Cultural Barbantia que, ao mesmo tempo, presentaba o número 101 do seu suplemento mensual A Voz de Barbantia. E os tres, tamén, coincidiron á hora de cualificar a Castealo como o precursor do humor gráfico galego, e ao afirmar que o estilo do rianxeiro creou escola, como se pode ver en moitas viñetas que se publican hoxe.

Liberdade de actuación

Ao longo das intervencións púxose de manifesto a valentía de Castelao, que publicaba debuxos críticos nun tempo no que se xogaba a vida simplemente por criterios ideolóxicos. Preguntados polo moderador, os tres caricaturistas aseguraron que nunca se sentiran ameazados polos seus traballos, aínda que en ocasións deran pé a protestas puntuais de algún lector, pero que sempre desenvolveron a súa labor con liberdade, incluso á hora de seleccionar os temas.

Falando de ameazas, a conversa chegou aos atentados de París do 7 de xaneiro contra o semanario satírico Charlie Hebdo, no que foron asasinadas doce persoas, cinco delas humoristas, precisamente en vinganza por unas viñetas sobre Mahoma. Os debuxantes galegos que acudiron a Rianxo defenderon que o humor gráfico busca, precisamente, dar un enfoque amable á actualidade e aos conflitos, polo que aseguraron que non entenderon como o fanatismo yihadista optara por matar a persoas que, por medio das súas creacións, promoven o humor como alternativa á violencia.

Por outra banda, falouse de como está a afectar a crise no colectivo. Pinto, Davila e O Carrabouxo confirmaron que, do mesmo xeito que se produciron grandes recortes no persoal dos medios de comunicación, estes tamén chegaron aos debuxantes. Unha das claves da crise do xornalismo é a Internet e as novas tecnoloxías, que permiten ó usuario acceder á información gratuitamente e de forma instantánea. Sen embargo, os asistentes sinalaron que ven na Rede unha oportunidade, en lugar dunha ameaza, porque, entre outras vantaxes, fai posible que as súas obras cheguen a todo o mundo, e ata poden atender traballos que lle contratan do estranxeiro.

Un cadro en directo

Mentres os tres debuxantes falaban, o especialista en pintura rápida Luis Triñanes ía pintando unha paisaxe do paseo da Ribeira de Rianxo, á altura da escultura dedicada a Castelao, e co porto de fondo. Ao rematar as intervencións, Triñanes explicou tanto a súa obra como o seu labor. Antes de rematar, propúxoselle a Luis Davila, David Pintor e Xosé Lois González facer senllos debuxos no mesmo escenario, ao que se prestaron para deixar coa boca aberta aos asistentes ao acto, porque no espazo de pouco máis de unha hora, falaron abertamente do seu oficio e deixaron as súas respectivas pegadas de humor para satisfacción de Rianxo, que tivo a honra de ver nacer ao precursor do humor gráfico galego e ao que lle queda en depósito o recordo do paso de tres dignos sucesores de Castelao.

As actuacións de dous alumnos da Escola de Música Municipal de Rianxo, María Varela e Francisco Cardama, para abrir e pechar o acto, completaron a primeira cita da cultura barbancesa do 2015, ao amparo de Barbantia.