Abrirse á luz

La Voz

BARBANZA

29 ene 2015 . Actualizado a las 20:20 h.

O novo poemario de Eva Veiga, o noveno dende que en 1993 publicara Fuxidíos, vén de gañar, e merecidamente, o XIII Premio Fiz Vergara Vilariño. Un chanzo máis nunha obra que é un esforzo continuo de depuración dunha poética en busca da maior esencialidade, pero sen buscar hermetismo que impida a comuñón co lector. Un labor para abrirse á luz sen esquecer o misterio da vida, ese lugar único no que a poesía, sendo comunicable, é un fulgor.
Ninguén le adanicamente un libro e menos se xa coñece o resto da obra da autora, que xa dende os paratextos previos, Celan e Yeats, nos pon en camiño: luz e sombra, unidade e ferida, ser e nada.
Corenta e sete poemas, en xeral breves poemas, no ronsel da poesía esencialista e valentiana, que converte a experiencia en algo máis que reconto bibliográfico. Mergúllaa no ser e tíralle a ganga, para que a vida sexa sen esquecer a nada: «Na cicatriz / dunha pinga de auga / sobrevivir». Non de balde este é o derradeiro poema do libro. A perda no camiño, a esgazadura e a luz. Non perde o ton elexíaco xa manifesto nas súas obras anteriores, depúrao.
A gran poesía é, dalgún xeito, experiencia do ferido, camiño dende o escuro, procura de luz, non sempre conseguida: «xazo / baixo a néboa // a luz / disólveme // e fica». A escuridade do ser redimida na luz. Eis o camiño.

Autor: Román Arén