«A cultura é o factor fundamental do desenvolvemento humano»

La Voz

BARBANZA

Santi Páramo atribúe á crise as iniciativas cidadás que buscan recuperar dereitos

31 ene 2015 . Actualizado a las 20:35 h.

Os que defendemos a cultura participativa e implicadora, a cultura radicalmente vinculada á cidadanía como construción colectiva do procomún onde todas as persoas participan, temos a festa da Dorna de Ribeira como un referente claro. Entrevistar o autor do himno desta festa, da letra da canción que une os sentimentos de tantas xeracións de ribeirenses, quere ser un símbolo, un cantar a prol do colectivo, da sociocultura e tamén dos mediadores, dinamizadores e activistas que penso temos o noso papel no sistema, no ecosistema cultural no que vivimos.

?É vostede activista dorneiro e de moitos outros movementos sociais e culturais. Que é o que o move a estar tan activo na súa comunidade?
?Supoño que o que move un pintor a pintar ou un escritor a escribir: porque me gusta, pásoo moi ben e ás veces moi mal pero dáme grandes satisfaccións.

?Como ve o momento actual onde parece que hai un boom da autoorganización cidadá?
?Creo que todo o que está a suceder é consecuencia da crise. Unha crise que provoca unha busca; no caso das mareas, de recuperar os dereitos que se lles/nos quitaron; e no caso da cultura, na procura de recuperar un acceso ao coñecemento ao que non está disposto a renunciar unha sociedade cada vez máis formada. Cando ese acceso á cultura non o cobre a administración, a cidadanía búscao pola súa conta.

?Ve similitudes entre este momento e o da transición a nivel participativo ou, na actualidade, a cultura dixital onde a mocidade é moi activa achegando contidos a internet pode ser un factor importante?
?A transición foi un cambio de sistema político moi ilusionante onde os dereitos medraron e se pasou do silencio á palabra, o que xerou un estoupido de expresividade cidadá. Hoxe vivimos unha transición económica, dende a abundancia de cartos (públicos e privados) á escaseza, á precariedade e a unha gran incertidume. As novas tecnoloxías facilitan moitísimo a comunicación e, sobre todo, inmediatízana; pero tampouco son excesivamente optimista con isto. Hai tamén un exceso de información favorecido por internet que para entendelo require formación e criterio.

?Os movementos sociais últimos, aínda que autoxestionados e autónomos, defenden de novo o dereito ao acceso á cultura e a responsabilidade da administración no financiamento do feito cultural. Que opina disto?
?Por suposto que a administración ten a obriga de apoiar a cultura. É inadmisible que haxa cartos para rescatar bancos, para subvencionar obras inútiles, para aeroliñas low cost e se nos diga que para a cultura non os hai. A cultura é o factor fundamental do desenvolvemento humano, enriquece as nosas emocións e fainos persoas. 

?A cultura como dereito fundamental e a cultura tamén como posibilidade económica. En Europa a economía creativa emprega xa a máis persoas que o sector do automóbil. Como ve a cultura como factor de desenvolvemento económico?
?A cultura sempre foi un factor de desenvolvemento, de todos os desenvolvementos: persoal, social, democrático, e tamén fundamental para o desenvolvemento económico, por suposto; pero ese papel económico da cultura, que o ten, non debe redundar na idea de que a economía todo o xustifica e que por ela todo vale. Un  papel clave da cultura na economía é colaborar en cortarlle as barbas ao capital como fin supremo e situar o desenvolvemento humano como prioridade: unha vida longa e saudable, o acceso ao coñecemento e uns mínimos de vida digna.

?Empezamos coa dorna e rematemos coa dorna. Se algún pero lle poño é o de ir abandonando os aspectos culturais. Neste 2015, 25 anos despois de que vostede participase no primeiro, hai encontro de embarcacións tradicionais en Cabo de Cruz. Sería desexable que A Dorna recuperase un aspecto máis cultural a respecto do patrimonio marítimo? 
?A Festa da Dorna e o movemento participativo da sociedade ribeirense que implica xa é un factor cultural en si mesmo. En canto aos aspectos artísticos concretos tamén podemos dicir que a música está presente en toda a festa, coa canción de tasca ou cos concertos e o apoio a músicos locais. Tamén apoiamos os artistas cun certame. Implicamos tamén a artesás e creativos xerando a imaxe gráfica da festa, o merchandising do que se venden milleiros de unidades, a ambientación das rúas, etcétera. Somos unha festa moi creativa e buscamos a creatividade aplicada á festa, á dinámica da festa. 
Na recuperación de embarcacións tradicionais a Confraría da Dorna foi das pioneiras e, en xeral, na promoción da cultura marítima seguiuse a traballar. A actual directiva da asociación consideramos que debemos dar un novo e maior impulso neste ámbito, e, sen dúbida, máis cedo ca tarde, notarase; tempo ao tempo.

Autor: Alberto García