«Gustaríame ver o ?Santa Isabel? a escala navegando»

BARBANZA

O boirense está moi satisfeito coa boa acollida que está a ter a exposición da Cachada<span lang= es-es >. </span>
O boirense está moi satisfeito coa boa acollida que está a ter a exposición da Cachada. dani gestoso< / span>

Ten construídas media ducia de maquetas de embarcacións que poden navegar mediante un sistema de radiocontrol

28 ene 2015 . Actualizado a las 21:30 h.

Da man do seu amigo Juan Manuel Somoza, o mariñeiro boirense Juan Carlos Vázquez empezou hai uns anos a construír maquetas de barcos cunha particularidade, poden navegar en auga salgada sendo manexados por un sistema de radiocontrol. Estes días, as pezas feitas polos dous exhíbense na casa de cultura da Cachada, onde están a espertar gran interese.

 

-¿Como entrou vostede en contacto con este mundo?

-Como mariñeiro que son, sempre me gustaron os barcos e un día falei con Juan Somoza da posibilidade de facer estas maquetas e empezamos. El xa sabía do tema de radiocontrol e botoume unha man.

 

-Dos barcos que leva feito, ¿a cal lle ten máis cariño?

-Aínda que practicamente me gustan todos por igual, ao que máis cariño lle teño é ao remolcador Andrea, o primeiro que fixen. Basicamente por iso, por ser o primeiro, no que me fun fixando despois para corrixir erros.

 

-Do proceso de construción destas maquetas, ¿cal é a parte máis difícil?

-O máis complicado é programar as funcións dos barcos, asignarlle as canles.

-¿Que é o que máis lle gusta das súas creacións?

-Facer as distintas pezas é bonito, pero ver que navegan ben é o máis gratificante.

 

-Vostede participou en exhibicións en distintos puntos de Galicia pero, ¿non lle gustaría levar a cabo unha actividade así en Barbanza?

-Si, de feito temos pensado, de cara a procesión do Carme, facer un pequeno desfile cos nosos barcos antes de que saian os grandes para que a xente os vexa.

 

-¿Como está a resultar a exposición que teñen na Cachada?

-O certo é que non esperábamos que tivera tanto éxito. Polo que nos din, hai xente incluso que se quedou con gañas de vela o fin de semana, por estar pechada a casa de cultura. Estamos moi contentos.

 

-¿Anímaos isto a pensar en novas exposicións?

-A nós o que nos gusta é facer barcos. O que buscábamos con esta exposición era coñecer a xente que comparta a nosa afección e poder así intercambiar coñecementos. Sabemos que hai outros veciños de Barbanza que fan o mesmo ca nós e estaría ben contactar con eles e ver incluso a posibilidade de organizar actividades, como unha exhibición.

 

-Agora mesmo, ¿con que ten ocupado o seu taller?

-Estou traballando nunha lancha de desembarco da segunda Guerra Mundial. A maiores, xunto co me amigo Juan Somoza, participamos en competicións que hai por aquí de veleiros de radiocontrol. Un amigo noso é o que nos fai as embarcacións, pois aí hai que afinar moito co tamaño e co peso.

 

-¿Cal é o seu gran reto no que barcos teledixiridos se refire?

-Gustaríame ver o Santa Isabel a escala navegando. Pola historia que ten e pola súa estética é un barco que me gusta moito, o que ocorre é que para reproducilo precisaría os planos, pois o ideal sería facer unha copia o máis aproximada posible.

juan carlos vázquez

creador de barcos teledirixidos