«O cancro é unha lotaría que a calquera lle pode tocar»

A POBRA DO CARAMIÑAL

A exconcelleira pobrense colle o mando do colectivo coa información e a concienciación como obxectivos principais

27 ene 2015 . Actualizado a las 04:48 h.

Despois de 35 anos presidindo a asociación Loita contra o Cancro de A Pobra, Carmen Santiago deixou hai uns días o cargo. Rosa Fernández, que no pasado exercera o cargo de concelleira de Servizos Sociais, colleu o relevo xunto cun grupo de persoas dispostas a darlle un novo empurrón ao colectivo para achegalo un pouco máis aos veciños.

 

-¿Como entrou en contacto con esta asociación?

-O meu primeiro contacto coa asociación foi en 1999, cando entrei como concelleira na Pobra á fronte de Servizos Sociais e Sanidade. Foi Carmen Santiago quen se puxo en contacto comigo para que participase nos petitorios anuais e a partir de entón seguín colaborando coa asociación sempre que me foi posible. Foi ela tamén quen contactou comigo e me comentou que necesitaba a alguén que buscase unha nova directiva e lle dese o relevo. Tras varias reunións, foi esta nova xunta a que me elixiu como presidenta.

 

-¿Como valora o traballo feito pola súa antecesora?

-Carmen Santiago foi sempre unha traballadora incansable que fixo un excelente labor na asociación. Sinto unha gran admiración cara a ela e cara a súa xunta directiva, que traballaron ao longo de tanto tempo, pois non é doado estar tantos anos ao pé do canón. A pesar de que a día de hoxe xa non forman parte da directiva, non deixarán de colaborar connosco, pois considerámolas piares fundamentais e parte activa da asociación.

 

-¿Vese, como fixo ela, 35 anos no cargo?

-Pois a verdade é que non, paréceme admirable o que fixo Carmiña pero eu considero que esta xunta directiva ten xente nova e moi preparada que ten moito que aportar á sociedade, podéndome dar o relevo en calquera momento.

 

-¿Con que obxectivos colle o mando da asociación?

-Para min hai tres obxectivos moi claros, que son informar á sociedade de que existe unha asociación á que poden acudir á hora de enfrontarse a esta difícil enfermidade; concienciar de que a mellor maneira de evitar o cancro é a través da prevención e, por último, recadar fondos para a investigación, porque considero que é a única maneira de poder chegar a erradicar algún día esta enfermidade.

 

-¿Que lle gustaría facer desde este colectivo?

-Sobre todo, queremos achegarnos á sociedade pobrense e que nos coñeza. Aínda somos unha xunta directiva moi nova pero queremos empezar a dar os nosos primeiros pasos canto antes e a mellor ocasión é celebrando o Día Mundial contra o Cancro, o 4 de febreiro. Esa xornada, imos colocar dúas mesas informativas: unha na praza de abastos e outra no centro de saúde. Ademais, o día 6 vai ter lugar unha conferencia no auditorio do Museo Valle-Inclán.

 

-¿Pensa que os veciños están sensibilizados co problema do cancro?

-Si e, ao mesmo tempo, non. Todo o mundo coñece a enfermidade pero, por desgraza, moi pouca xente reacciona se non a sofre directamente ou da man de alguén moi próximo. O cancro é unha lotaría que a calquera lle pode tocar.

 

-¿Tivera vostede experiencias anteriores no eido do asociacionismo?

-A miña experiencia en asociacionismo redúcese a formar parte das xuntas directivas das ANPA do colexio Pilar Maestú Sierra e do instituto pobrense.

 

-¿Considera unha tarefa complicada presidir unha entidade deste tipo?

-O que fixen nas ANPA non ten nada que ver coa loita contra o cancro, pero supoño que non será doado. Por sorte, conto cunha xunta directiva na que podo confiar plenamente. Para min, presidir é só un cargo ao fin e ao cabo, o que importa é o valor que aportamos cada un de nós como persoa.

rosa fernández

p

residenta DE LOITA contra o cancro EN A POBRA