Santos e Comoxo rescatan a memoria recente de Rianxo

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

Os historiadores presentaron nos actos dedicados a Castelao un libro que recolle aspectos culturais, sociais e políticos

27 ene 2015 . Actualizado a las 04:47 h.

Cincuenta anos da historia contemporánea de Rianxo recollidos en cincocentas páxinas permitirán aos máis vellos lembrar vivencias do pasado e, aos máis novos, coñecer moitos dos aspectos que forman o carácter e o perfil urbanístico do Rianxo actual. Deste xeito, a vila ten o luxo de contar cunha publicación única que pode servir de base a posteriores traballos de investigación. Os artífices deste amplo traballo histórico son Xesús Santos e Xosé Comoxo, que o sábado pola noite, no marco das xornadas dedicadas a Castelao, presentaron a obra Rianxo na ditadura franquista (1939-1979). O interese que espertou este libro púxose de manifesto antes de iniciarse o acto, xa que foi preciso buscar unha sala máis grande do auditorio para dar cabida a todos os asistentes. Obra de referencia Á hora de falar sobre o traballo, o rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños, non dubidou en manifestar que se trata dunha obra de referencia, ao tempo que destacou o privilexio que supón para Rianxo que fose feita de forma altruísta. Muíños agradeceu o apoio da Deputación, que se encargou de editar o volume, do que se fixo unha tirada de 800 exemplares. Xa comezaron a distribuírse en centros educativos do municipio e a intención é que o libro tamén poida consultarse en bibliotecas do conxunto de Galicia. A obra, sobre a que falaron os seus autores durante a presentación, non só recolle aspectos políticos sobre os dirixentes municipais, senón que tamén relata anécdotas como a do colexio Castelao. Ao parecer, nun primeiro momento pensouse en darlle o nome de Raíña Sofía, pero ao ter coñecemento de que a monarca non ía acudir á inauguración decidiuse cambialo polo do insigne autor rianxeiro. Tamén se comenta a xestación das primeiras agrupacións musicais ou dos movementos culturais. Incluso se fala da colocación do busto de Castelao en 1975 e de obras, como a do peirao de Sete Fogas. Agora todos estes datos, recompilados tras anos de traballo, están a disposición de todos os rianxeiros.