«Esta crise supuxo un golpe social do que vai ser difícil recuperarse»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A entidade que dirixe aportou este ano recursos por importe de 125.500 euros para atender a familias necesitadas de Ribeira e Rianxo

14 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1987, Jesús Busto Peteiro foi unha das persoas que, xunto con Amador Campos, fixo posible o nacemento da Fundación Amigos de Galicia, da que é director. Os orixes nada tiveron que ver co traballo humanitario que leva a cabo na actualidade a entidade, eran outros tempos. Amigos de Galicia púxose en marcha como colectivo cultural e gastronómico para apoiar a cultura autóctona. Sen embargo, pouco despois proporcionou axuda a emigrantes galegos no continente americano e, no 2006, atendendo a demandas recibidas, comezou a cooperar con familias necesitadas. Foi a partir dese momento cando se creou una estrutura profesionalizada para atender debidamente as demandas.

-Seguro que non pensou que a fundación cultural e gastronómica acabaría dando este xiro.

-A verdade é que non. No 2006 empezamos a axudar a familias que carecían de recursos e montamos unha estrutura. Despois decatámonos de que a situación era moi complexa e empezamos a contactar cos departamentos de Servizos Sociais, porque neles coñecen a situación en cada lugar. Agora temos dezanove empregados, entre traballadores sociais, psicólogos e responsables de distintas áreas. Tamén contamos cuns 235 voluntarios en toda a comunidade autónoma. Encárganse dos almacéns. A fundación abarca toda Galicia e atendemos mensualmente a 30.000 persoas. Temos sedes en Santiago e Vilagarcía e tres almacéns.

-¿A canta xente atenden na comarca?

-Temos convenios subscritos con Ribeira e Rianxo. Antes tamén tiñamos un acordo con Boiro, pero o actual executivo díxonos que xa se facían cargo. Este ano aportamos a Ribeira e Rianxo recursos por importe de 125.500 euros. No municipio ribeirense, onde atendemos a 365 persoas, das que 156 son menores de idade, o montante ascendeu a 81.696 euros. No se trata só de alimentos, senón tamén de material escolar e outras cousas necesarias. En Rianxo, proporcionamos axuda a 89 veciños, dos que 27 son menores de idade. Neste concello, por exemplo cambiamos camas e colchóns de nenos en algunha vivenda porque estaban en pésimas condicións. Sen convenio, axudamos a doce familias en Boiro, a dúas en A Pobra e a outras tantas en Porto do Son. Estamos abertos á firma de convenios con todos os concellos. Eles teñen que darnos o 10% do que nós aportamos.

-¿O seu labor vai máis alá da entrega de comida ou da atención de necesidades puntuais ás familias?

-Nós tamén traballamos na integración laboral e o vindeiro ano poñeremos a disposición dos concellos de Ribeira e Rianxo un técnico de emprego. Imos facer uns cursos, dirixidos principalmente a mulleres, para que poidan atopar traballo no sector conserveiro, que é a principal fonte de emprego nesa zona. Trataremos de integrar a veciños en paro en empresas da zona

-¿Cal é a situación das familias barbancesas nesta crise?

-Un dos maiores problemas é que hai moitos parados de longa duración. Houbo desafiuzamentos e creouse unha bolsa de pobreza que é difícil de superar porque á xente afectada resúltalle custoso saír dese círculo.

-Na actualidade fálase moito de que hai unha recuperación, ¿percibe un cambio?

-Nós atendemos ás mesmas familias que o ano pasado, incluso a algunha máis. É posible que haxa certo movemento económico, pero de xeito moi lento. O medidor é o desemprego, e mentres o paro estea como na actualidade non hai recuperación. Tamén hai que ter en conta o empobrecemento que non sae nas cifras. Hai xente que percibe ao mes menos de 500 euros e algunhas persoas que penso que se acostumaron a vivir das axudas.

jesús busto peteiro RESPONSABLE e impulsor da FUNDACIÓN amigos de galicia