«A memoria é o noso ADN cultural»

FIRMAS

Exerceu de mestre en Barbanza onde deixou unha pegada imborrable

15 dic 2014 . Actualizado a las 10:50 h.

Percorrendo Compostela, vagando pola memoria dos tempos de estudante, aparece de fronte Elixio Villaverde, persoa coa que compartín horas de amizade, xornalismo e coñecemento. Falamos daqueles anos, de Xoves Culturais... Convídoo a someterse á entrevista que cada mes abre este suplemento.

-Prezado Elixio, como foi a túa chegada a Barbanza... os contrastes entre O Irixo e a vila de A Pobra.

-Teño un recordo marabilloso do Irixo, porto de abrigo e afecto, mentres viviron meus pais, grandes referentes sociais, bos e xenerosos. Tento facer da casa natal un centro cultural sobre a emigración e un pequeno museo. Achegaría documentación arquivística valiosa, uns mil libros, cadros, fotos... Pero é imprescindible o mecenado para rehabilitar e musealizar a que foi, por décadas, unha casa ao servizo da gran maioría humilde daquel concello e de parentes do de Boborás.

Cando aprobei a oposición de agregado, en 1983, estiven un curso en Cedeira e dous na Coruña. Pedín máis costa e déronme praza definitiva no instituto da Pobra, onde traballei dez anos. Pasei das montañas de mil metros da Dorsal matria e do caíño e treixadura da patria a esta beiramar. Un lugar cunha única serra ergueita sobre o manso e fértil Tirreno galego -Vicetto dixit- e sobre o bravo mar de fóra de Baroña, Espiñeirido, Corrubedo e outros azuis perdéndose no horizonte, alén de espléndidas praias e areais. Namoroume o Barbanza. Máis aínda cando coñecín o carácter aberto e reivindicativo das mariscadoras dos Areóns e Barraña, e a afouteza de vellos mariñeiros, curtidos en mil singraduras. Eles ensináronme, como Corto Maltés a Susana, os nomes de cidades portuarias e illas de todas as latitudes, a «saber pedras» e correntes e a utopía de mirar desafiante as bandeiras, fose cal for a cor e a terra que prometesen.

-No Irixo fuches un axitador cultural e en Barbanza non quixeches ser menos, non?

-No Irixo fundamos a Asociación Cultural e Deportiva O Testeiro en 1973. Os grupos de teatro Entroido, con Vidal Bolaño; ou Candea, de Noia, con Agrelo Hermo, actuaron alí. Tamén o Movemento Popular da Canción Galega, pre-Milladoiro, con Romaní, Antón Seoane; homenaxes aos emigrantes, venta de libros, o Sempre en Galiza e Cousas, de Castelao, O Atraso?, de Beiras; A Esmorga, de Blanco Amor, etcétera. Algúns acabamos en ERGA e na ANPG.

Xoves Culturais naceu por iniciativa de militantes do PSG-EG, como Manolo Monge, Xosé Deira, Harguindey, Xan Cadaval ou Espiño, ao que pronto se uniron mulleres moi activas como Carmen Amar e Rosa, do Son. A min «ficháronme» para tirar do carro despois de animar ao alcalde Manuel Velo a dedicarlle a Casa da Cultura de Boiro a Ramón Martínez López.

-Xoves Culturais empezou moi forte e foise debilitando ata desaparecer, que ocorreu?

-A asociación aparece en sociedade no 88, cunha mesa redonda sobre o varadoiro que quería montar o alcalde Durán Casais. Tras o tempo da xestora, o día que me elixiron presidente, ano de Celso Emilio, presentei, con Harguindey, a Méndez Ferrín, na Pobra. Dous actos afervoados, masivos? e así case todos, moitos [polo Barbanza pasou a elite da cultura galega] e de calidade, mesas redondas con xente moi boa sobre o ensino e a sanidade; algúns moi participativos, como os cursos de galego, de gaitas, de olaría, de vidrería; os concursos de murais ao aire libre ou o primeiro Festival Rock do Barbanza, no que traballei moito con X. M. Rivas, de Palmeira. Desapareceu o tripartito, voltou o PP á Xunta e foi minguando a financiación ao asociacionismo de base, comprometido e plural. Engadiría que, malia os centos de socios e simpatizantes, os que mantivemos aquel nivel de actividade a finais do terceiro ano de vida da asociación, eramos catro gatos. Non tivemos relevo xeracional.

-Tamén trouxeches contigo o teu labor de investigación sobre os emigrantes galegos en México. Como nace en ti ese empeño por indagar naquel fenómeno?

-A emigración a Panamá e a México está presente entre parentes, amigos e veciños do meu pai, que era do Ribeiro. O primeiro libro ilustrado da miña nenez foi México a través de los siglos. Estaba ateigado de pirámides e aztecas emplumados. A ausencia, por emigración temporal a América dos meus irmáns -maiores-, cando era un adolescente, marcoume tamén.

-Foron aqueles traballos, en certo modo, unha forma de remexer na memoria histórica. Que opinas do movemento que se desenvolve neste eido?

-O libro sobre Ramón Martínez López no 92 e despois, Heroes e Mártires, a IIª República e Guerra Civil no Barbanza, no 95, do que se venderon mil exemplares, precedido de colaboracións a unha plana durante sete domingos consecutivos en La Voz de Galicia, foron traballos novidosos. O último moi comprometido: recibín chamadas anónimas e ameazas. Pero como profesor de historia, investigador e cidadán «dun tempo e dunha Terra» fixen o que tiña que facer. Calar tanta barbarie tería sido unha covardía.

A memoria é o noso ADN cultural, non podemos prescindir del, nin construír unha sociedade máis xusta e libre sen as achegas do pasado. Hai que perdoar e reeducar, nunca esquecer.

-E claro, entre os exiliados, topaches con ilustres persoeiros como Ramón Martínez López, e grazas ao teu traballo, Boiro descubriu un fillo ilustre e deulle o seu nome á casa de cultura. Como naceu a túa relación con don Ramón?

-Coñecino a finais dos setenta en Santiago. Falamos por primeira vez no Instituto Padre Sarmiento: impresionoume a súa sabedoría, a súa voz e o desexo de chegar aos novos. No curso 83-84 leveino a dar unha conferencia a Cedeira, onde fora vicedirector, e nas Letras Galegas do 85 aos institutos da Sardiñeira e Salvador de Madariaga, na Coruña. Tamén asistín cun amigo e varios exalumnos a un congreso do Partido Galeguista en San Francisco, onde contou emocionado a morte dos Insuas de Rianxo, mestres curmáns de Castelao, martirizados en Vigo cando fuxían da represión. O delator foi axustizado máis tarde por Foucellas e o seu grupo, en Taragoña.

ILUSTRACIÓN ABRALDES