O Stand de Noia leva a cabo unha xornada para profesionais sobre a crianza

Noia / La Voz

NOIA

11 dic 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Ademais da atención aos usuarios e as súas familias, o Servizo de Tratamentos a Nenos con Discapacidades (Stand) de Noia, dependente da concellaría de Igualdade e Benestar, desenvolve periodicamente actividades dirixidas a outros estamentos da poboación. Nesta ocasión, o departamento está a traballar na realización dunhas xornadas sobre o modelo de crianza que terán como destinatarios a profesionais de distintos eidos.

A psicóloga Rocío García Castro será a encargada de impartir un obradoiro que leva por título Análise do modelo actual de crianza, co que se pretende, entre outros obxectivos, potenciar a comunicación entre diferentes profesionais sobre situacións que se viven dentro de cada ámbito de traballo. Para abrir ese diálogo, a actividade está dirixida a especialistas no eido da educación, da saúde e da intervención social.

Todos eles poden atoparse con familias que sustentan un modelo característico de crianza e trátase de crear un espazo de reflexión sobre as distintas situacións que poden presentarse.

O obradoiro vaise desenvolver mañá, de 16.00 a 20.00 horas, no edificio Espírito Santo.