Ayaso perpetúa a súa pegada na Pobra

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Avogou porque, cando falte, o seu legado siga estando a disposición dos espectadores

01 dic 2014 . Actualizado a las 12:07 h.

«O importante é que no futuro, cando eu xa non estea, a miña obra terá continuidade, será exposta e o público poderá saber quen era Manuel Ayaso». Con estas palabras resumía o artista ribeirense o principal motivo que o levou a doar unha colección de corenta gravados ao museo Valle-Inclán da Pobra. Tamén facía referencia ao seu interese por renderlle homenaxe ao creador do esperpento. Facía estas declaracións no acto de apertura da exposición que, inicialmente, permanecerá ata finais de ano na casa de cultura Raquel Fernández Soler, onde será exhibida de xeito periódico.

Momentos antes, Antonio González, o director do Museo Valle-Inclán, receptor das obras asinadas por Ayaso, incidía precisamente na necesidade de que estes e outros fondos vexan a luz: «O importante é que o público teña acceso ás obras». Gababa tamén o conxunto de traballos cedidos polo creador ribeirense: «Non é unha colección seriada e feita nun período curto de tempo, senón que se trata dunha selección de distintos traballos realizados como probas de autor, o que permite ver a evolución do estilo do autor durante unha longa etapa».

Antonio González tamén explicou as características principais da obra de Ayaso, incidindo na mestura da realidade e da ficción, así como en elementos recorrentes como as beatas, os bispos, os exorcismos ou as referencias ao mar.

Ano frutífero

Manuel Ayaso non foi o único artista de renome que, aproveitando a celebración das últimas xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, cederon coleccións ao museo pobrense. O frutífero que resultou este ano foi o aspecto resaltado polo rexedor local, Isaac Maceiras: «É un orgullo para o Concello da Pobra engrosar o patrimonio público con esta exposición e tamén coa cedida por Siro López».

O polifacético Quico Cadaval foi o encargado de pechar o acto de inauguración da exposición. O actor ribeirense fixo unha comparativa entre a obra de Ayaso e a de Valle-Inclán, en clave de humor, tomando como referencia as Comedias bárbaras.

O dúo formado por Ayaso e por Quico Cadaval conseguir reunir a un bo número de persoas na casa de cultura pobrense. Alí estaban o rexedor de Ribeira, Manuel Ruiz, e os seus antecesores José Luis Torres Colomer e Ricardo Pérez Queiruga. Tamén había unha ampla representación do mundo cultural da comarca, destacando os membros de Barbantia e artistas como Xoán Fernández, Manuel Teira, e Paola García Paz.

exposición «homenaxe a valle-inclán»