«Os rapaces están ansiosos por ser creativos e críticos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Coordina a vinte mestres que traballan en plans de innovación que buscan que o centro se abra á sociedade

18 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O instituto boirense A Cachada está este curso mergullado no eido da innovación. Participa, de feito, en seis plans Proxecta, promovidos pola Consellería de Educación co fin de fomentar a modernización e a implicación social dos centros de ensino. A coordinadora de actividades extraescolares, Ana Moreiras, destaca a boa acollida que este tipo de iniciativas teñen, tanto entre os profesores, como a nivel de alumnado.

-¿Que procura o instituto coa participación nestes plans?

-Cada plan ten unha motivación distinta, pero a filosofía global é abrirnos á sociedade. Un, por exemplo, procura que os rapaces adquiran coñecementos sobre novas tecnoloxías e que os transmitan; outro apunta cara o medio, cara o estudo do clima botando man de ferramentas innovadoras; e outro persegue a dinamización cultural e de lecer.

-¿Como se xestionou a participación do centro neste programa?

-Pois xurdiu a raíz de que queriamos dotar ao centro de actividades con carácter integrador e interdependente, conseguindo que todos os departamentos traballaran de xeito coordinado. A metade do claustro, 21 mestres, está nestes momentos a participar en proxectos de innovación e do que se trata con este programa é de darlle unha estrutura común.

-¿Terán entón continuidade no tempo?

-Si. De feito estamos tramitando a petición de outros dous plans, que terían xa máis envergadura e máis orzamento. Un está orientado á implicación de familias con necesidades educativas especiais e outro, á mellora do rendemento escolar. Aquí falamos de colaborar con outras entidades da vila en proxectos coma o encontro de embarcacións tradicionais.

-¿A que se debe este esforzo que fai o instituto en materias extraescolares?

-Son os rapaces os que demandan participar neste tipo de actividades extraescolares. Vemos que cada ano aumenta o interese e foi por iso polo que decidimos organizar propostas relacionadas entre si. Temos, por exemplo, un grupo de rapaces que difunden a información no centro e outro que a publica nunha revista. Hai gran interese.

-¿A que atribúe vostede este interese que amosan os mozos?

-Neste centro levamos tempo traballando, sobre todo os cinco últimos anos, en actividades extraescolares. Hai unha rutina e á xente gústalle o que se fai. Incluso fixemos unha enquisa e a resposta da maioría era que as actividades lles parecían interesantes e motivadoras. Os rapaces están ansiosos por ser creativos e críticos. Teño que dicir que, polo menos neste centro, hai unha gran implicación, os estudantes apúntanse a todo, o que hai que facer é abrirlles as portas.

-Unha das actividades lúdicas nas que vostede está mergullada é a organización do festival audiovisual Olloboi. ¿Haberá edición este ano?

-Pois seguimos traballando, pero o certo é que non o sabemos, pois dependemos de ir pedindo esmola porta a porta e iso é duro. É unha mágoa, pois nesta zona hai unha gran querenza polo eido audiovisual.