Terras de Lousame tamén convoca un referendo soberanista

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

NOIA

A formación abriu unha enquisa sobre a posible anexión do municipio a Noia

13 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao igual que en Cataluña, o Partido da Terra de Lousame quere abrir un debate soberanista no municipio barbancés e para iso puxo en marcha na Rede un referendo. Neste caso, non se trata de pedir a independencia do concello senón que o que se busca é que os veciños teñan a oportunidade de pronunciarse sobre unha cuestión que se puxo de plena actualidade trala fusión de Oza-Cesuras: a posible anexión de Lousame a Noia.

Aínda que a cuestión non pasou de ser unha mera especulación, aproveitou a consulta catalá para darlle a oportunidade aos veciños de pronunciarse. A enquisa abriuse a pasada fin de semana e, de momento, os lousamiáns falan practicamente cunha soa voz. Ata onte, o 91,7% dos votos eran favorables a que Lousame manteña a súa independencia como concello.

Non é a primeira vez que o Partido da Terra pon este asunto de actualidade. De feito, nas últimas eleccións europeas propuxo que as votacións se converteran nunha sorte de referendo que consideran necesario posto que, dende os organismos oficiais, non se lle deu a oportunidade de pronunciarse aos veciños.

Dúas cuestións

Nesta particular consulta tamén son dúas as preguntas que se propoñen aos participantes. O Partido da Terra de Lousame defende o autogoberno parroquial, e esa é a segunda cuestión que recolle a enquisa.

Neste caso, a porcentaxe de votos favorables a este modelo de xestión acada o 65.2%, segundo os datos feitos públicos pola formación. O autogoberno que se propón explica que sexan os propios veciños das parroquias os que decidan, de xeito asembleario, que obras, investimentos ou proxectos sociais se desenvolven nas súas aldeas, deixando á alcaldía o labor de ratificar o decidido en cada lugar.

As votacións seguirán abertas ata o domingo.