A corporación rianxeira aprobou bonificacións fiscais que van do 5% ao 95%

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

As medidas adoptadas buscan reducir a presión impositiva sobre os veciños e incentivar a actividade económica

12 nov 2014 . Actualizado a las 05:02 h.

O vindeiro ano será un pouco máis livián para o veciños de Rianxo no que respecta ao pago de impostos en virtude dun paquete de medidas que se aprobou unanimemente no pleno extraordinario que reuniu á corporación na noite do luns. Na sesión deuse luz verde a bonificacións nos impostos de construción e de bens inmobles que van do 5% ata o 95%.

Segundo explicaron tanto o rexedor, Adolfo Muíños, coma o tenente de alcalde, Carlos Gey, o obxectivo destas medidas é reducir a presión fiscal sobre os veciños e incentivar a actividade económica, especialmente no que respecta á ocupación do polígono industrial de Te. Neste caso concreto, as rebaixas no imposto de construción (ICIO) serán para as empresas que se instalen no recinto de naves e aplicaranse en función do número de postos de traballo que creen, podendo acadar unha bonificación do 95% en caso de que sexan máis de cen empregos.

Tamén se reducirá nun 50% a cota na rehabilitación de vivendas tradicionais ou de singular valor arquitectónico, mentres que a rebaixa acada o 75% para aquelas actuacións encamiñadas a eliminar barreiras e mellorar a accesibilidade nas residencias das persoas con discapacidade.

Pola súa banda, no que respecta ao imposto de bens inmobles (IBI) que pagan todos os veciños, destacan as bonificacións do 5% para todos aqueles rianxeiros que domicilien o recibo de pago, mentres que a redución oscilará entre o 5 e o 10% para as vivendas que non teñan acceso a servizos básicos coma o abastecemento de auga e o saneamento.

Carácter permanente

Lonxe de ser unha medida puntual, o alcalde rianxeiro manifestou que a intención do goberno é que estas propostas teñan un carácter permanente, e fixo fincapé na estreita marxe de manobra que a lexislación lles deixa aos concellos neste ámbito.

A isto tamén se referiu Carlos Gey ao sinalar que se intentou estender estas bonificacións a outros ámbitos, como por exemplo as obras de conservación de vivendas, algo que impide a lei.