O barco feito en Boiro que leva dentro o mellor de Galicia

María Hermida
maría hermida RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O «Suárez Dous», feito en madeira por Triñanes, como os seus donos reflicte as tradicións e cultura da xente do mar

06 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Só é un barco. Pero que barco. A embarcación que onte se botou no estaleiro Triñanes de Boiro, o Suárez Dous, non soamente está á vangarda no que a tecnoloxía se refire, tal e como destacou Martín Rosales, ex capitán marítimo de Vilagarcía, enxeñeiro e inspector de buques, que indicou que «está muy bien hecho, con excelente materia prima y un cuidadísimo trabajo, contando además con importante tecnología», senón que dentro del, nos seus 22 metros de eslora, viaxa o mellor de Galicia. Porque está feito en madeira de calidade, mantendo viva a construción tradicional dos barcos galegos. E porque os seus armadores, Pablo e Paco Suárez, de Rianxo, pertencen a unha saga de mexilloeiros e exercen a súa actividade en familia -son primos-, algo que é todo un costume nesta terra e mar galegos.

Paco e Pablo son fillos de irmáns, de dous homes que onte se emocionaban ao ver que os seus descendentes continuarán co traballo que eles empezaron. E que, sobre todo, sorrían ao pensar que o farán do mesmo xeito ca eles: «Van seguir traballando xuntos nas bateas, e esperemos que coma seus pais, sen ter nunca ningún problema entre eles, nin a máis mínima cousa», destacaban as nais de ambos, que exerceron de madriñas na botadura. Iso si, o que quedou claro onte é que lles custará menos esforzo que a seus pais facer as labores nos viveiros: «Este barco aforra moito lombo porque este estaleiro está á última en tecnoloxía e leva, entre outras cousas, un sistema novo de tolva que nos aforra botar o mexillón de fresco a granel no barco e logo ter que subilo a ela, xa vai directo», sinalaban ambos armadores.

Seguridade na navegación

Ao lado deles, cun saber explicar que xa quixeran para si moitos mestres, o dono do estaleiro, Gerardo Triñanes, encargábase de contar todas as características da embarcación ás numerosas autoridades que asistiron ao acto, indicando que o que se buscou ao facer a nave é seguridade e estabilidade na navegación. Detallou dende os materiais utilizados, coa madeira de alta calidade como produto estrela, á incorporación de elementos como a hélice de proa, que axudar a virar. Incluso non tivo problemas, ante as preguntas dos presentes, a indicar que o buque custa arredor de 500.000 euros. Prestoulle especial atención ao feito de que «dous armadores novos aposten pola madeira», cousa que lles agradeceu. Tamén o fixo Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen destacou o apoio da Xunta á carpintería de ribeira tradicional e dixo que o Suárez Dous, máis alá da súa complexidade técnica e do seu logrado acabado en canto a tecnoloxía, sobre todo é un «barco fermoso». Os armadores agradecéronlle a ela o apoio da consellería para levar adiante a construción desta nova nave, chamada a xubilar outra de 28 anos.

Os piropos a este fillo do estaleiro Triñanes non pararon. Destacouse algo de todo. Dende a súa coidada estética a como están ensambladas as súas pezas e a preparación dos traballadores que o fixeron. O acto, como non podía ser doutra maneira, acabou coa botella de cava rompendo contra o casco e o barco facéndose á mar. Alí ía, o Suárez Dous, navegando pola ría de Arousa. Aínda que, en realidade, o que parecía é que o mellor de Galicia soltaba amarras nese momento.

A nave, que

tardou un ano en construírse, custa arredor de 500.000 euros

Rosales, inspector de buques, destacou o bo labor feito polo estaleiro Triñanes