«Cómpre unha biblioteca dedicada á arqueoloxía e á historia de Galicia»

ALBERTO PIÑEIRO

FIRMAS

Promove cada primeiro de maio a Festa dos Devanceiros, na Galea

31 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás catro menos cuarto do serán dun gris sábado de outono, na compaña da miña dona, dirixímonos á casa dun veciño de Bealo, habitante da aldea da Galea, para conversar sobre cultura e devanceiros e visitar o seu museo Primeiras Letras da Barbanza. Ás beiras do camiño da entrada ao seu fogar comprobo como as gravuras ancestrais se mesturan coas súas creacións, nunha paisaxe de esculturas de granito e ferro, árbores froiteiras, perennifolias e penedos que me fan asemellar o nome da Galea ao de Galicia, con esa raíz indoeuropea *kal-n-eH2, «montaña», que fala de que os Callaici somos «montañeses», da Callaecia ou ?terra montañosa?.

-Guillerme, dende cando les nas pedras?

-Dende que teño uso de razón. Os primeiros petróglifos que vin foron os do monte Pedroso, en Compostela. Contaba eu 11 ou 12 anos.

-Por que é preciso coidar o que din os sucos gravados nos outeiros?

-Porque son as lecturas do pasado. Son libros abertos que non somos quen de interpretar porque non temos o coñecemento necesario. Son o fío de cultura que nos une cos ancestros.

-Que é a cultura?

-O elemento máis espiritual que posúe o ser humano.

-Fálame un intre da aldea esquecida ou aldea vella da Galea.

- Trátase quizais dun dos últimos vestixios da peste en Galicia. A aldea, orientada cara ao poñente, conta cunha atalaia con gravuras líticas, e está protexida dos ventos do Norte e do Sur. Nos séculos XVII e XVIII foi abandonada. O motivo? Descoñécese. Mais é posible que o abandono se debese á derradeira rabexada da peste no noso país. Non hai nada escrito sobre o lugar. No censo do século XVIII que fixo o Marqués da Ensenada non se di nada dela.

-Hai algúns meses abriches un museo a carón da túa casa dedicado aos autores da comarca. Que te impulsou a construílo?

-O cerne foi unha enquisa aleatoria que fixen anos atrás nas feiras de Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro. Preguntáballe á xente se sabían algo dos autores da Barbanza, e máis do 90 % responderon que non tiñan ningún coñecemento. Para que te fagas unha idea, entre os enquisados de Boiro ningún lera nada de Ramón Martínez López. Foran máis de sesenta os boirenses que consultei.

Unha ampla vitrina con varias ducias de volumes, algúns deles abertos e moitos dedicados, ocupan o centro da sala museo. Organizados por concellos e pegados ás paredes, érguense andeis nos que sobresaen nomes de autores vivos de Barbantia, tales coma Xerardo AgraFoxo ou Antón Riveiro Coello, que conviven con eternas plumas da terra dos Praestamarci.

-Se che pido que escollas un trío de escritores da Barbanza?

-Rafael Dieste, Borobó e Castelao. Todos os galegos deberían ler Sempre en Galiza.

-Cal foi o primeiro libro da túa colección?

-A Idade do Ferro na Galiza, de F. López Cuevillas. Regaloumo un monitor do Centro Cultural Xoán XXIII, no que estudei primaria.

-Quen visita o teu museo?

-Xente que xa coñece algo das letras da Barbanza. É pésima a inculcación de coñecemento da nosa cultura que transmiten hoxe en día os mestres aos rapaces. Convidei a algúns mestres para que trouxesen os alumnos, pero ningún veu ata agora. A ningunha das cinco exposicións que levo realizado. Por certo, a vindeira será en febreiro, co gallo da celebración do 100 aniversario da arqueoloxía galega.

Ademais da creación do museo, do que, por motivos de espazo, se atopan ausentes máis de 9.000 volumes que este amigo bo e xeneroso garda nun xeitoso feixe de caixas no seu taller, outra das achegas de Guillerme á cultura barbancesa é a celebración da Festa dos Devanceiros, que ten lugar na Galea cada primeiro de maio dende o ano 2012.

-Qué se celebra nesa festa?

-Lémbrase a todas as persoas que fixeron algo nos eidos da literatura e da historia na Barbanza.

-Contas con algún tipo de apoio institucional?

-Non. Este ano gastei 2.600 euros. Todos saíron de dúas colaboracións particulares, en concepto de venda de camisetas e achega propia. O ano que vén haberá máis contidos para os nenos, con xogos populares e outras actividades. Así mesmo, fago un chamado a todas as persoas que desexen participar: gaiteiros, cantareiras, grupos de baile? para que se poñan en contacto comigo.

-Algunha mensaxe ás institucións?

-Cómpre unha biblioteca dedicada á arqueoloxía e á historia de Galicia. Tamén un museo de cunchas e minerais para a colección de Xaquín España. Eu considero que o edificio das colonias de Praia Xardín sería un sitio idóneo. Agora que escoitei que o Concello de Boiro ten superávit, podería restaurarse o Pazo de Goiáns, que hai suficientes elementos para enchelo de contido.

ILUSTRACIÓN ABRALDES